Felipe Senén:”Miguel Anxo Fernández, o Carballiño e a súa aura como escritor e cinéfilo”

Por Felipe-Senén

Algunhas cancións de Aute poden servir de banda sonora da película de moitas vidas, quedámonos aquí con aquela de “Cine, cine, cine, más cine por favor”…” reivindicación da sétima arte, a que vencella a todas as artes. Capítulo do cine que non é alleo á historia do Carballiño, patria de Isaac Fraga, así como de moitos que fomos educados entre templos sacros a profanos, de catequeses e misas pola mañá a sesión continuas de cine pola tarde.

AVANTAR ACTIVIDADES
En Freás.Cara a 1959

 O cine é unha porta  aberta ao mundo, á realidade e á fantasía, podémolo contar os que case vivimos o pase do cine mudo, do branco e negro ao technicolor e o cinemascope…algo que nos marcou. E velaí nesas pescudas a un singular persoeiro carballiñés, aureolado nun feixe de luz cinematográfico, mesmo quizais superando ao argumento de “Cinema Paradiso” (1987), referímonos ao amigo, escritor, cinéfilo e mesmo, atreveriámonos a catalogalo de cineasta, Miguel Anxo Fernández. Entón xa aquece de fondo a música de Morricone para este film inesquecible do director siciliano G. Tornatore (1956), do mesmo tempo que o carballiñés.

Con Roberto Vidal Bolaño nas Xociviga 07

Miguel Anxo Fernández é un referente, leva a súa Itaca, Punxín, o Carballiño e o seu tempo moi prendido nas súas orixes e polo tanto na súa orixinalidade. Casado con Lola Veleiro Alemparte, coa que forma equipo de inquedanzas, filla de Cesáreo Veleiro Bravo, neta pois do lembrado e querido Bernardino Veleiro Marco, casado con Lola Bravo, “o Marcol”, señor daquela sala de peiteado aberta á praciña do Retortillo, que era un ateneo, parladoiro onde, entre o arrecendo a colonia Álvarez Gómez e baixo a presidencia dunha foto de “O Gorila”, confluía o sentidiño entre o roxo e o azul, o ceo e o inferno, para rematar sempre na confluencia da encrucillada asentando un “o tempo xa o dirá”… Sacudindo a bata dos pelos e acompañando ao cliente á porta despedíase cun “All right”, iso si,  pronunciado nun inglés americanizado cun inicialmente sonoro e alongado “ollrrrraaaaaitttttt”. Cesáreo Veleiro Bravo e Leontina Alemparte, os país de Lola, son os que resucitaron os almacéns “Gavilán”, camisería, paquetería referente entre o mellor comercio do Carballiño, establecemento de longa historia e aberta até o 2014  nos soportais da histórica e literaria casona dos Quiroga, onde tiña o ilustrado quiosco de prensa a lembrada Angeles Calviño, piso onde viviron tamén un tempo Miguel Anxo e Lola e que abre balcóns e xanelas, observatorio á Praza Maior, como tamén lle abriu os ollos á escritora condesa e cortesán Pardo Bazán, para confundirse entre a algarabía da xente, o choutar dos facos, o suor, a vida dunha Vilaviva. E, que dicir de César, o irmán de Lola que a partir de entón crea o “Manda nabo”, empresa de deseño de camisetas con motivos retranqueiros.

MAF-No seu estudio da Casa dos Quiroga- 15-10-06

Pai e nai de Miguel son naturais das terras de Punxín, esa bocarribera de vides e mimosas vixiada polo pico sacro do monte do San Trocado,  a mesma terra que foi do avó de Alberte Cortez. Aldeas que miran ao ribeiro do Barbantiño, onde mellor se debera coidar aqueles poderosos igrexario, como o de Ourantes. O pai,  Amadeo, dunha familia numerosa, natural de Vilela, formado na Escola de Artes e oficios de Ourense, onde impartían clase tan bos e sensible creadores como Failde. Figura moi presente nas sombras do escritor, magnífico ebanista, inimigo da chapuza, retraído en crear, aínda que ben puidera, mais dedicado aos encargos, o que por algo lle dará o nome do xenio multicreador renacentista, Miguel Anxo, a un dos seus tres fillos. Algo que, a xeito de flahsback, me trae á mente o mediocre film “Good Morning, Babilonia” (1986) sobre aqueles dous irmáns, artistas italianos, os  que tratando de superar ao pai emigran e  trunfan en Los Angeles como escenógrafos de  Griffith… A nai, Elisa, é de Santa Lucia de Freás, bordadora, como Penélope de Itaca. Ao respecto e nas redes sociais a través de “Memorias de Freás”, Miguel Anxo recompón o crebacabezas daqueles persoeiros, de historias e lendas escoitadas, conta parte da súa vida a carón da reitoral de Arouxeira, dos singulares párrocos. Fala do bisavó materno, “Domingos o Barbas”, natural de Ourantes, do avó Juanito e da avoa a Balbina. Familia que, como emigrantes, ben coñecía New York, mesmo para ncer ali a madriña Gloria, a que chegou a ser secretaria dos Rockefeller, a que aínda vive na Florida rondando o século de vida. Parte esta na que radica o persoeiro literario e mesmo cinematográfico de Frank Soutelo, un ser de encrucilladas que mesmo pode ser posible: servidor coñece a altísimos xefes de polícia galegos da cidade dos rañaceos, capaces de parar o tráfico do Holland tunel, baixo as augas do Hudson, a fin de concederlle paso o coche dun amigo… como de metomes en todo, tan capaces de ser confidentes de Alcapone como envolverse entre as sabas de seda da mesma Marilín Monroe, como fixo o  aspirante a director de Cine Pepe Bolaños.  Ao respecto o xornalista Xavier Navaza ten tramado curiosas historias de galegos nos EE. UU. Proba de que a realidade supera á fantasía. Pois velaí  listo un caderno de memorias de neno, tan labrego como vilego.

Ao fin e ao cabo un é o que foi e o que esta sendo, como canta ese fado “Soy” de Luis Pastor. Miguel, como testemuño do que foi, mantén casa, horta e lembranzas onde viviu, en Rapariz, en Freás, en Vilela…

Os  camiños dunha vida andada… e unha historia de cine

Miguel Anxo Fernández, Fernández, polígrafo de garda, disposto sempre a cumprir e faino como escritor, ensaísta, cinéfilo, investigador e difusor do cine.  Naceu no día seguinte á romaría comunal da Saleta e coa que se pechan as festas maiores do Carballiño do ano 1955 e cando nacía a TVE. Estudou no entón flamante colexio Isabel la Católica,  denominación que expresa moitas cousas respecto aos seus principios, e como moitos outros tamén tivo como profesores a varios autoritarios dons, daqueles de “Usted siga bien,  persoeiros que darían para un bo guión cinematográfico, Juan, Carlos, Camilo, Severino, Julio, Peta, Aurelio, Felipe, Gumersindo… Seguiu estudos de maxisterio nun Ourense que, a pesares do ambiente gris, aínda mantiña o escintilar daquela sobranceira aura da xeración Nós. Licenciado en Historia da Arte, doutorado en comunicación pola Universidade de Vigo e diplomado en xornalismo na universidade compostelán, para ser profesor de Comunicación na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra.

MARNOTES-VELO-MAF Xociviga 1985

E en Miguel Anxo non queda a cousa  na retórica teórica sobre o cine, o seu e sobre todo praxe, diriamos mesmo de cineasta, pois fixo o indicible, mesmo como empresario, diríamos por resucitar as salas daquela capital do cine que fora o Carballiño. Sería cando, no 1987 a xerencia do cine Rivas non lle atopa rendibilidade á sala e decide pechala. Con incontable mérito asumen e retoman a cuestión os matrimonios de Pepe Castro e Miguel Anxo, para crear entón a empresa Carballiño Cine S. L para levar a sala. Arriscada aventura alentada polo Cine Clube Carballiño, colectivo sobre o que cabe un tratado: nacido no 1969 como animador e salvavidas de canto significaba o cine, iniciativa de Xulio Castro que será o seu presidente, de Pepe Prada imprescindible na cultura carballiñesa do noso tempo, de Jose Castro, Rabanillo, Eduardo Bernárdez… sendo Miguel Anxo Presidente de 1978 a 1997, asunto no que insistiu ese sempre imprescindible en todo acontecer cultural carballiñés do noso tempo que é Pepe Prada. E non queda a cousa nesas, dende esa matriz naceran semanas e xornadas de cine e vídeo de Galicia, Xociviga. Nese mesmo puzo motivado pola imposición da televisión e o vídeo, tamén ao borde do peche recuperan a sala do Cine Alameda, píntana e devólvenlle o espírito orixinal…e finalmente crean a sala de Cinema Paradiso, mesmo lle escriben a Tornatore para darlle aquel suxestivo nome.

Cine Alameda, Carballiño xuño 1991 (Foto Moncho Funetes)

Espazos que, despois dunha coidada rehabilitación realizada polo arquitecto Alfredo Freixedo, nun 13 de setembro de 1990 ábrese ao público. Empresa que, coas mesmas ansias, aluga e anova o Cine de Lalín, o Bos Aires de Verín…pero no andazo xeral que ameaza ás históricas salas de proxeccións  estas non poden competir cos centros comerciais, co vídeo…e o desastre económico faise patente, o que tampouco roe o ánimo.

Cinema Paradiso Carballiño (Foto Pili Prol-LVG-Apertura 13-9-90)

Preocupado sempre por complementar aspectos da historia do cine galego, e así o fai en congresos en publicacións galegas ou portuguesas, como presentador e colaborador de varios programas de televisión, radio e en varios medios, comisario en varias mostras, foi membro do Consello da Cultura Galega, académico da de Ciencias e Artes da televisión, da do Audiovisual e mesmo de moitos outros colectivos preocupados pola normalización cultural de Galiza. Presidente do Cine Clube do Carballiño (1978-1997), Director das Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia Xociviga (1984-1996), creador e presidente da Federación de Cineclubes de Galicia (1985-1990). Director do prestixioso Ourense Film Festival, con tan longa e influínte historia, ao que nun momento crítico, no 2018, lle da novos e vitais folgos. Carlos Velo, a Bella Otero, Emilio Baños Santos, Chano Piñeiro son algúns dos temas arredor do cine galego que retoma e abre á inmensidade.

Con Chano Piñeiro e a miña compañeira Lola, nas Xociviga 86 na Casa da Culltura do Carballiño

Son ineludibles referente as súas publicacións referidas ao Carballiño, inseparables de vellos e valiosos documentos fotográficos ou fílmicos: “O Carballiño. Vellas Historias. Vellas fotografías  (1870-1970)”  (1992), “O Carballiño, Crónica de Cine”, 1900-1994) (1994) as que avalan canto contamos,

E como non podía ser neste noso cabodomundo, como o é nos irmáns países celtas, na Escocia de Arthur Conan Doyle, o creador de  Sherlochk Holmes , na Irlanda de  Bran Stoker,  autor de Drácula, como na Galiza creadora do realismo máxico, de escudriñadores de misterios, como o foi  e propoñía don Vicente Risco, onde manda o misterio e trunfa a tan cinematográfica intriga, o misterio, o xénero negro… Pois velaí que Miguel Anxo é autor de obras de ficción con selo propio como “O sobre do francés” (2002), “Capitol última sesión” (2004) “O Sangue dos Cortiña” (2004) “O espido de Gina” (2014), “Blues para Moraima” (2017) e esa exitosa saga do xa mítico e retranqueiro, agudo inspector  e trotamundos Frank Soutelo, galego americanizado: “Un nicho para Marilyn” ( 2002) “Luar no inferno” (2006), “Tres disparos e dous fiames” (2008) “Franck Soutelo e o manuscrito de Cabanillas” (2010) “Lume de Cobiza” (2011) “Bicame Frank” (2013), “Un dente sen cadaver” (2016) “A conxura do sete” (2022). Saga policíaca, mesmo guións cinematográficos que nos remiten á obra do catalán, oriúndo da Galiza lucense do Val de Neira, a que non esquece, que é Manuel Vázquez Moltalbán, creador do atrevido detective Pepe Carballo. A obra de Miguel Anxo ten un profundo pouso que  sigue a abrir inmensas portas á creación neste tradicional xénero do occidente.

Miguel Anxo Frnández na tumba de Truffaut

Miguel aproveita, como aproveitamos e agradecemos moitos carballiñeses que temos algo que contar e demostrar á vila das orixes, as facilidades que dan as páxinas internáuticas de Badalnovas para escribir, como él “As Terras do Carballiño e os seus escritores”, modestia que lle obriga a falar de todos… Páxinas onde atopamos o por el vivido e escoitado, como se dunha película se tratara.

 Alegra que o Carballiño e unha Galiza normalizada asuma a significación dos seus creadores e faga súa a idea da profesora da Universidade Compostelán Mariña Arbor, colocando na Rúa Maior do Carballiño a silueta en ferro do intrépido inspector Frank Soutelo, complementadas coa da sarxento local Franeiras, coa da aguda Dalia Maxima, persoeira con casa no barrio de Flores, todas elas deseñada por Eladino Cabanelas. Sombras que devalan coa luz das horas para abrir a un novo roteiro literario pola nosa Vilaviva, convidando á lectura, a ser inspectores sobre a grandeza da vida e da arte.

Con Frank 19-05-2023

A mesma figura de Miguel Anxo reflicte o seu carácter: aberto, agudo observador, diriamos enxergador, que pon os sentidos e o saber sobre todo, cubrindo a súa humildade mesmo tamén de cinematográfico sombreiro, tipo  Peter Sellers no inspector Clouseau. Aínda que no caso carballiñés pesa máis un loito existencialista, parisino.

Os logros de Miguel Anxo Fernández ecoan e ten sucedáneos noutras partes… e  velaí algo moi semellante na obra do escritor basaurritarra, John Arretxe (1963): unha saga de cinco novelas, nacida no 2012 con “19 cámaras” neste caso seguindo as andanzas do inspector Touré, singular protagonista que neste caso é un ilegal inmigrante de Burkina Faso , instintivo e bruxo ao que lle ofrecen traballo de inspector privado no barrio marxinal de San Francisco en Bilbo… a ultima obra desta saga é  “Piel de topo” e que, neste caso a RTVE e a EITB levarán a unha serie televisiva: sempre de xeito serodio tomemos nota. Longa vida e obra a Miguel Anxo.


—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén:”O Carballiño e o reloxo de cuco do Balneario nas viaxes do escritor Alfonso Armada”

Felipe Senén:”A científica María Teresa Miras Portugal sempre na memoria do seu Carballiño”

Felipe Senén: Carlos A. Rodriguez e a súa novela sobre o galego “rei dos xíbaros”

Felipe Senén: “Xesús Carballido. Esoutra arte ou poética de argallar, pegar ou coser memoria”

Felipe Senén: “o Casino do Carballiño , a súa Festa da Mimosa e algo máis”

Felipe Senén: “Contos, medos, amuletos e santuarios das xentes do camiño”

Felipe Senén: “Felipe Senén: “A Rosa, a flor de Flores””

Felipe Senén: “A nobreza e os pazos dos arredores do Carballiño”

Felipe Senén: “O pasado e a base da Biblioteca Municipal do Carballiño”

Felipe Senén: “O profesor Xaime Ferreiro Alemparte: un universo literario entre Cabanelas e Alemaña”

Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo nas lembranzas do Carballiño

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Felipe Senén: “O Tempo de Defuntos no pétreo barco do Cemiterio de Señorín “

Felipe Senén:”as decimonónicas fábricas de papel das terras do Arenteiro”

Felipe Senén: ” Algunhas lembranzas arredor da miña Eira de Flores “

Felipe Senén: ” O CARBALLIÑO, CAPITAL MUNDIAL DO PULPO”

Felipe Senén: “o pulpo, Aurora Baranda e o Carballiño, unha santa trindade galega”

Felipe Senén: “de monte de Mesego a cidade xardín e Parque do Carballiño”

Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”

Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño