O Psdeg censura a falta de ambición do bigoberno pp-do na reforma de Ribeira de Canedo: “é unha oportunidade perdida de converter esta rúa nunha gran arteria peonil”
Os socialistas lamentan a “deshumanización” deste importante viario, que “podendo ser un espazo público de encontro e convivencia entre veciños e veciñas, acabou reducido a unha zona de paso de vehículos”
Lembran que a obra aprobouse no goberno en minoría de Jesús Vázquez co apoio do PSOE e que “foi Jácome quen votou en contra desta e moitas outras obras das que hoxe quere colgarse a medalla”
O PSdeG-PSOE de Ourense censura a falta de ambición do bigoberno PP-DO na reforma da recen inaugurada rúa Ribeira de Canedo, que consideran “unha oportunidade perdida para converter este importante viario do barrio da Ponte, que comunica a Ponte Romana coa Ponte Nova, nunha gran arteria peonil con maior accesibilidade para a veciñanza”.
“Vemos unha simple limpeza de cara a base de chapapote” sinalan dende o grupo socialista, ao tempo que lamentan a “deshumanización” do que “podendo ser un espazo público de encontro e convivencia entre veciños e veciñas nunha contorna de extraordinaria beleza a carón do río, acabou reducido a unha zona de paso de vehículos sen ningún tipo de encanto”.
“A obra de Ribeira de Canedo é hoxe unha oportunidade perdida en canto a humanización e facer cidade”, destacou a edil socialista Natalia González. “Esta e outras obras da nosa cidade deben ser máis ambiciosas, apostando pola mobilidade sustentable e abríndonos ao río para desenvolver o noso potencial fluvial, ou seguiremos sendo unha cidade de segunda”, lamentou.
Pola súa banda, o voceiro socialista, Rafa Villarino, criticou que o único que fixo o goberno municipal foi “botar chapapote onde había a oportunidade de realizar unha intervención exemplar” e criticou que non se aproveitara esta reforma para levar a cabo a necesaria ampliación das beirarrúas e que se prescindise da pavimentación con empedrado de lastros, que axudaba a limitar a velocidade dos vehículos. Así mesmo, Villarino lamentou que o alcalde non empregase a ocasión para levar a cabo a súa promesa de plantar máis árbores e axudar a reducir a sensación de calor neste barrio.
Por último, dende o grupo socialista lembran que a obra aprobouse no goberno en minoría de Jesús Vázquez co apoio do PSOE e que “foi Jácome quen votou en contra desta e moitas outras obras das que hoxe quere colgarse a medalla”.