O Pazo da Cultura de Pontevedra estrea hoxe a exposición “Morquecho 2000-2020” do carballiñés José Ramón Morquecho

O acto inaugural será hoxe, ás 19:30 horas na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra. A exposición “Morquecho 2000-2020” é obra de José Ramón Morquecho e está formada por 58 pezas. O catálogo desta exposición recolle todas estas imaxes con textos de compañamento.

Felipe Senén tamén colabora neste catálogo cun texto que inicia esta recapitulación. Senén recorda como coñeceu a José Ramón Morquecho. “Coñezo a Xosé Ramón Morquecho Barral dende os anos sesenta e no Carballiño. Eramos entón uns adolescentes que floreabamos á vida, sen facer demasiado caso ás convocatorias e campamentos da OJE, a conmemoracións de batallas e discursos, a rosarios da aurora ou do mes de maio”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Morquecho, segundo conta Senén, ven dunha familia numerosa, “nacido e educado entre pinceis, regras, cartabóns e compases do seu pai que, tanto pintaba, como tramaba arquitecturas dentro do Movemento Moderno pra edificar os historicistas chalets que ribeiran a estrada do Parque”.

Morquecho buscaba para pintar espazos ou escenas que o provocaban, máis atraído sempre polas paisaxes, as masas de árbores, o pentagrama das siluetas dos montes, o devalar de luces a petar sobre as augas dun río ou dun mar… a cada hora do día. Deste desexo pola arte nace esta exposición, que percorre 20 anos de traballo co pincel.