Felipe Senén: “A Rosa, a flor de Flores”

                                 (in memorian de Rosa Nuñez Muñoz-Reque)

Por Felipe-Senén

AVANTAR ACTIVIDADES

É nas festas e nos pasamentos cando estalan as alegrías e as penas; reencontros onde se afianza a tribo, o que nos queda do común.  Pois así é que o 18 de xaneiro do 2023 finou Rosa Nuñez Muñoz e foi na casa onde naceu do carballiñés barrio de Flores, a parte de atrás do Concello.

Aurea, Gracia, Minda, Muñeca, Felipe – Luis e Rosa (1964)

Metaforicamente  Rosa era unha desas orixinais flores de Flores, con devanceiros que se perden na mesma orixe da vila:  Reque por parte de nai, clan ben unido,  tratantes de sona e bo trato. Namentres que por parte de pai era dos Nuñez Gayoso, fidalgos idos a menos da Portela de Valdeorras, berce de misioneiros, catedráticos, inventores aluados, empresarios… E algo diso herdou Rosa.

Vida familiar que pode ser argumento para unha novela histórica, memorias  as que, en parte, deixou escritas e inéditas o seu irmau Paulino Nuñez Muñoz, que alí onde estivese presumía de Reque:  “Contos do camiño” , folios que me confiou en herdanza : vida enguedellada nos camiños do mundo: do Carballiño a Venezuela, onde finou un 4 d abril do 2019, aos 83 anos. Persoeiro dunha gran memoria, “militante de causas xustas” tal como  loaban os seus camaradas, moitos deles  exiliados do franquismo. Cada carta del recibida era un S. O.S. unha despedida ( e corto e pego co derradeiro escrito)  “Deica non sei cando… Apertas, bicos, MORRIÑAS e AGARIMOS dende o fin do mundo deica o FIN DO MUNDO… e mais aló de mais nunca…Tenazas, Lasparri (o “Poulinito dos Reques de Flores”).

Os Reque é das primeiras familias asentadas arredor da feira do Carballiño, xentes e clan de camiños, reino dos alcumes, fillos do Benito do Reque, viúvo da Mama Asunción,  so recordada polos rezos de todas as noites : Rosa, Pepe, Bautista, Avelino,  Antonio,  Áurea, Juana, Secundino (Cundo) e dis que unha nena que morreu queimada na lareira…. Elas con ese encargo  matriarcal que tiñan entón as mulleres, o de velar e gardar a casa. Por algo con gran devoción á imaxe da Virxe das Dores da vella parroquial… eles ben casados con mozas da bisbarra e coa misión de botarse ao camiño. A maior e a máis amparada daqueles irmáns foi a avoa de quen isto escribe, a Mama Rosa, por enviuvar moza dun ribeirao de Pazos de Arenteiro, o Senén e con dúas fillas, a Muñeca e a Minda.

Minda e Rosa (2009)

Vida curtida nos camiños…e sempre a  orixe, arrodeada de positividade

A Áurea, como xa dixemos casou con Paulino Nuñez Gayoso valdeorrés de pazo e cunha irmá casada tamén en Flores, Paz. Tiveron dous fillos, os referidos Paulino e Rosa. Días difíciles aqueles, de guerra e de posguerra, máis axudados polo clan familiar montan entón unha casa de comidas  a carón da feira das galiñas “o Bar Internacional” … Mais aquelo non daba e non quedaba outra que o camiño  de “funcionariarse”  aínda que fora na benemérita, onde Paulino non encaixaba, máis castigado que eficaz aos fins militares por non atender ás ordenanzas, refuxiarse na intensa lectura do Quijote cervantino do que era especialista. E así, de castigo en castigo pasou polos postos de Casaio de Valdeorras, Cabañaquinta en Asturias, Sitges, Puigcerdá, Portbou, as Eiras de Tabagón, Cambados, Vilardevós…mesmo finalmente e seguindo ao fillo emigraron a Caracas, coa conseguinte desilusión e  retorno, para tomar a distribución de viños… E a Rosita atoutiñando, buscando sitio na costura, indo e vindo á casa da Mama Rosa,  mesmo eu e a miña irmá Gracia compartimos estancia nalgún daqueles puntos. Recordo á Auria, devota do Padre Damián,  daquela eterno beato, santo sen estrear, pedíndolle por un futuro que sería imperfecto.

Gracia López e Rosa Núñez

O irmau Paulino, foi unha esperanza  frustrada para os Reque, pois non quixo seguir os camiños recomendados pola familia que eran os da feira ou o de ingresar na benemérita… estudou no Corral, aprendeu idiomas na conserxería dun hotel de Sitges, e na metade dos cincuenta, tomou rumbo ás Canarias, logo ao Caribe, ás Illas Margaritas… e a Venezuela…para ser recepcionista do Hotel Tamanaco, intérprete na OMS, na Pfizer…e finalmente analista económico vencellado á esquerda.

Sitges  e Barcelona significou moito para a familia, para Rosa tamén, aquí aprendeu costura en altos talleres, na Belcor de lencería, despois internada en Vigo para diplomarse en Corte, Confección e Deseño… E sempre de volta á Casa da Mama Rosa,  onde era esperada como a alegría da casa. Curioso que a todos os Reque  lle tire o andaluz, pois aquela nosa Rosa cantaba e bailaba o “Ay pena penita pena…” póndolle tanta ou máis ansia que a Lola Flores e mesmo fixo para si unha bata de flamenca con volantes de cores… que moito me gustaba ao neno que era. E como outras tantas mozas de entón traballou no prestixioso taller de costura de Luisa Rey, na Eira de Flores. Aurora Baranda , que pasou por esas, pode dar fe do que conto.

O taller de Rosa Nuñez era un espazo de experiencias, de creatividade con telas, recreando coa tradición e aventurándose na innovación. Mesmo sendo Premio de Deseño en Fexdega de Vilagarcía, realización de atrezzo de vestiario para a empresa Cornejo de Madrid e representar a Valle-Inclán, realización de sorprendentes traxes de noiva, como o que fixo para a miña voda, digno dun museo… e máis sería si as circunstancias lle permitiran desenvolver as súas querenzas. “Tradición e buscas” era o lema que levamos ás feiras programadas en Flores, un xogo co presente e co pasado.

O Carballiño daquela mocidade  da Rosa tivo sona de vila alegre e en desenvolvemento, de festas, verbenas, casino, peñas… máis con difíciles oportunidades. Entre longas historias de amores e desamores por medio, Rosa casou con Antonio Quintas, cotizado mozo,  vinculeiro dunha casa de sona na vila, fillo dun querido, honrado, reputado e vixiado mestre republicano, mestre de mestre e por parte da nai das Peñascas, orixe do café con ese nome.

Nese andar a velas vir dos anos do desenrrolismo Antonio Quintas, empeñouse e mercou un furgón con conxelador  para traballar co transporte por toda a península, con Pescanova… Algunha vez levoume con el , como axudante e recorrín e souben de boa parte dos mercados do mapa peninsular…  Ao cabo dos anos non lle quedou outra  que aproveitar a oportunidade de cubrir unha praza de factótum no parque automovilístico do concello do Carballiño. E o Quintas sempre estaba para dar solucións burocráticas, como para apagar incendios, resolver inundacións, traídas e levadas, festas e dramas…

A casa, a tribo, o barrio,  as tradicións…

Namentres os Reque ían minguando e o seu vello poderío e desaparecendo: “o Padrino” –  por ser padriño de case todos os seus sobriños, – que era o Pepe Reque, propietario  de leitería, de sala de festas, de cine… casado en segundas nupcias, arriscado en inverter… o seu irmau Cundo, seducido polas américas, vendeu  e  con todos os seus foise para Mendoza na Arxentina… O Avelino seguiu sostendo a tradición da casa, a carnicería, igual que o Bautista…. Entón a vida de Rosa tomaba o vello rumbo das matriarcas familiares: os de coidar á envellecida familia do marido,  aos pais, como aos anciáns e derradeiros tíos Reque que quedaban, a Juana, o Antonio, colaborando coa Minda e coa miña nai na casa da Rosa do Reque… mantendo a un tempo o taller de costura, atenta á moda,  así visitou coa súa filla Ari a exposición de Armani na expo do Guggenhein de Bilbao no  2001, conmigo e co meu fillo e  explicada por especialistas a  Jean Paul Gaultier en Madrid no san Martiño do 2012. A Rosa mantiña unha  lema, o de “lograr” as cousas dicía, sempre hai máis.

Leal como ninguén ás súas amigas, as que tampouco lle faltaron, as vellas amigas , a Pacita do Lucia, as do Tato, a Mari Fondado… e sempre a incondicionalidade da familia Nóvoa Rodríguez, a Conchita Fernández e o seu Manolito Vázquez…e máis modernamente a Sabela Pinal, mesmo sendo madriña do seu fillo Brais… Igual que Clara Vázquez  do grupo de Teatro DarTrela, compañeira de Chicho Carballido, e tantos nenos, xa mozos, Tamara, Manuel e Auri Chan, colaboradores en levar adiante a interpretación de Pepa Loba, seguindo o texto de Miras Azor. E sempre, como máis intima coincidente e confidente, a miña irmá Gracia

Rosa, despois de enviuvar, xunto coas súas fillas, Maida e Arí, con constancia, positividade, soportaron un difícil ambiente de insensibilidades, abafantes burocracias bancarias  e acosos administrativos que tamén lle causaron perdas. Aínda así, sendo conservadora das que conservan, foi capaz de preservar tal cal esa xoia do Carballiño que é a vella casa de Flores, destacada por Vicente Risco, a do Benito do Reque, a que herdou dos seus, co patín, a solaina, a vella parra, a palleira e cortes que é “A Bodega”…casa cunha inmensa historia.  Berce dende o que foi tramando e sensibilizando sobre iniciativas que estaban na tradición: a celebración do Entroido, vestindo e prestando traxes, as fogueiras do San Xoán, dos Magostos…e  dende o 1996 o nacemento dunha festa histórica, a de Pepa Loba… Memoración festiva nunha onda turística que nacía entón vinculada ao mundo dos arrieiros, dos feirantes, celebrando ás xentes do camiño: costureiras, zoqueiros, cesteiras, pulpeiras, rosquilleiras…convidando ás artesanías a participar na histórica feira.

Rosa (Feira de Pepa Loba 2010)

Velaí un argumento, un recurso cultural que merecería maior atención, como quixeramos. Que o ambiente teatral que require esta celebración con coidado nos traxes, escenografía, secuencia no calendario….todo o que ela improvisaba con mínimos recursos implique e se multiplique.

Rosa Nuñez alí estaba, defendendo o barrio de Flores, a fonte cando non se limpaban as condución, desgustada cando murchou o vello bidueiro que os antepasado plantaran un século atrás… en agosto do 2012 renovando o feito con solemnidade e nesta repoñendo naquel mesmo sitio unha mítica moreira.

Aberta a canto significaba o asociacionismo, o galeguismo, imprescindible en iniciativas de Avantar … cosendo bandas en azul  sobre seda branca, a bandeira de Galiza, dignificando un traxe de galega, unha monteira…

Lección de  bondade en demasía, de beleza desorganizada e fantasía,  seguida polas súas fillas, a miña afillada Maida, sempre a pe de casa;  por Ari, herdeira da creatividade. Nelas poñemos a esperanza de que ese Flores que vai perdendo tanto de seu e de vello, siga coas súas tradicións, das que arrinca a vangarda.

Ari, Rosa e Minda (Nadal 2004)

Dende neno para min Rosa, era iso que significa o seu nome, a que me levaba, me traia, me contaba, recibía e enmarcaba os meus primeiros debuxos, textos, corrixía e valoraba, a positividade a alegría, todo o que mantivo na mesma enfermidade, o amor ao Carballiño. E non lle faltei, por canto significaba de matriarca, de casa e tribo, de orixe. Soamente lle faltei a súa condución a Señorín,  tal como tamén lle faltei, á Mama Rosa, naquel tempo do San Antón do 1977, por estar naquela e coincidir nesta vez en Andalucía.  En servidor queda ben aprendida a lección de que as tradicións non traizoan e son as que nos identifican entre tanto mercadeo, que a orixinalidade radica nas orixes.


—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén: “A nobreza e os pazos dos arredores do Carballiño”

Felipe Senén: “O pasado e a base da Biblioteca Municipal do Carballiño”

Felipe Senén: “O profesor Xaime Ferreiro Alemparte: un universo literario entre Cabanelas e Alemaña”

Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo nas lembranzas do Carballiño

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Felipe Senén: “O Tempo de Defuntos no pétreo barco do Cemiterio de Señorín “

Felipe Senén:”as decimonónicas fábricas de papel das terras do Arenteiro”

Felipe Senén: ” Algunhas lembranzas arredor da miña Eira de Flores “

Felipe Senén: ” O CARBALLIÑO, CAPITAL MUNDIAL DO PULPO”

Felipe Senén: “o pulpo, Aurora Baranda e o Carballiño, unha santa trindade galega”

Felipe Senén: “de monte de Mesego a cidade xardín e Parque do Carballiño”

Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”

Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño