Felipe Senén: “A nobreza e os pazos dos arredores do Carballiño”

Pazo dos Quiroga ( Banga )

Por Felipe-Senén

AVANTAR ACTIVIDADES

O territorio que dende inicios do século XIX ocupa a vila do Carballiño, no medievo  serviu de bisagra e tendeu pontes, rio Arenteiro por Medio, entre as moi nomeadas xurisdicións de Orcellón e de Castela. Señoríos sobre o que se erguían torres, moita delas sobre antigos castros ou asentamentos altomedievais.

Referente a estas orixes habería moito que dicir da xerarquía xermánica, suévica o visigoda, organizada e cos seus centros de xurisdición, os conxuntos palatinos. Verba palatium en relación con coutos valados. Poder omnipresente que en tempos de paz evolucionou en solemnes casas administrando predios, especialmente no Barroco, os século XVII e XVIII. Pola contra o sc. XIX viviu a decadencia e privilexios desas sagas e conseguintemente das súas casonas e así o novelou Emilia Pardo Bazán e Otero Pedrayo, como nalgúns casos enxergamos hoxe aos seus novos propietarios e a súa reconversión.

Arquitectura dos pazos, coas súas pedras armeiras, repartidos polo mapa da vella e da nova Galiza, os que poñen a proba a antiguísima orixe dunha sociedade xerarquizada, de casta e rango, feudal, das máis antigas do mundo. Pois velaí bisbarras asociadas a unha nobreza singular. Familias compensadas polo seu leal vasalaxe a un señor feudal ou clérigo, con terras e servos, enriquecidos na misión relixiosa, na milicia, en cruzadas ou reconquistas… Casonas omnipresentes, quizais con torres ameadas erguidas ao ceo, ao cabo do tempo con fachendosas e fumegantes chemineas que arrancan de solemnes cambotas sobre ricas lareiras. Construcións con cuartos abertos por balconadas aos seus extensos predios, á paisaxe, ao xardín, con todo ese exotismo arbóreo traído de fora, palmeiras, camelios, magnolios, rododendros, eucaliptos… compañeiro dunha ermida que avalía a milicia, a dos milites Christi… e campando sobre a porta a pedra armeira, eses escudos que a lei protexe como Bens de Interese Cultural por (decreto 571/1963) igual que os  petróglifos cruceiros, o que obriga a propietarios e poderes públicos á súa salvagarda e ao da súa contorna…

Construcións de pazos erguidas dende unha idea inacabada, en planta rectangular, en L ou en U, onde lle dan certa particularidade ao patín, ás solainas, aos balcóns, ás adegas, ás chemineas, a determinados elementos decorativos como enmarques, coroamentos dos escudos…labras nas que intuímos deseños de grandes mestres barrocos composteláns. Resultado que o pazo sexa como un mostrario do saber Ilustrado, onde non faltaba a biblioteca, en ocasións con variadas publicacións francesas e un contrastado mostrario de moblaxe, o máis, en ocasións manufacturas procedentes da China, da India, do Brasil… chineiros, biombos, mesas nambán, fanais protexendo exóticas filigranas traídas de Filipinas, porcelanas inglesas…cadeiras artesanais, de coiro… mobiliario mercado nun Porto que no século XVIII e XIX era referente comercial, literario e cultural e que convive coa artesanía local.

Camiños onde sempre peta na ollada un pazo

Teremos moi en conta publicacións como a de  María Teresa Rivera Rodriguez “Los Pazos Orensanos “ ( 1982) e como tantas ocasións, temos que recorrer aos aportes publicados polo profesor, tan vencellado ao Carballiño X. M García Iglesias, autor de “ Pazos de Galicia” Catálogo, (Xunta de Galicia-Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (1990 1ª/1992. Coruña).

Los Pazos Orensanos

Velaí e como orixe, na Teixeira en Boborás, a carón dun castro sobre o que no medievo se ergueu unha das Torres de Orcellón e preto dunha fonte termal, asoman as estruturas, hoxe un pardiñeiro, que baixo o aleiro do tellando campa dous escudo, postos ao revés, seguramente expolia reaproveitados da antiga torre, coas armas dos Ulloa e dos Zúñiga de Monterrey, señores entón en litixio cos non menos poderosos Sarmiento de Ribadavia, co Mosteiro de Oseira ou coa Encomenda de Beade, entre outros enguedellos.

Mostrario de construcións onde os mestres construtores e canteiros se gaban do seu bo facer. Moitos daquelas cuadrillas de xornaleiros proviñan das terras dos arxinas, Cotobade, como ben viviu e contaba o etnógrafo Antonio Fraguas.

Pazos do Ribeiro do Barbantiño .

Pazos, poida que chantados sobre sitios onde nun pasado xa existiu algo e que a arqueoloxía determinará, onde a condución da auga, traída de minas pon canles de pedras agargaladas era prioritario, labor que esixe saberes de enxeñería hidráulica. En Maside, asomando á vella estrada de Ourense o Pazo das Condomas, propiedade dos Ulloa, con muro e portalón con lintel con cruz e labras xeométricas. Edificio de planta rectangular. No interior unha solaina á que se accede por patín e con bos balaustres, en parte sostida con atractivas ménsulas.  Escudo cos cuarteis dos Somoza, Novoa, Enríquez, Salgado. Casa de ilustres familias, de la Peña e Novoa, Mosquera e Feixoo para finalmente ser dos Ulloa.

 Edificacións inseparables dun ciprés, como símbolo de vida, velaí señoreando, pese a non ofrecer escudos, en Armeses, o Pazo de Listanco, abrindo balcóns dende a súa sobriedade, fendida pola súa grande cheminea. Camiños estes do Ribeiro do Barbantiño e do Miño… Parroquia de Punxín do mítico Santo Vintila, onde asoma á estrada, e de xeito moi escenográfico o  Pazo de Jaúdenes, sc. XVII, con fachada decorada con elementos en placa, ao estilo barroco compostelán, torre esquinada, sinxelo balcón con peitoril de forxa; soberbio portalón cos seus dous escudos, coas armas dos Jáudenes, Sarmiento, Bárcena, Somoza, Figueroa, Barrio.

Xa subindo á bocarribeira e cara aos chaos de Amoeiro temos en Cornoces o Pazo de Martinga, como o de San Damián da familia Suances, en Bóveda o antolóxico pazo de Coto de Martín, con brasón dos Reinoso e torre ameada na esquina, tamén de dúas fachendosas cheminea como de enxebre solaina… con varais erguidos para soster unha cuberta… En  Parada o seu pazo de grandiosa solaina e tres escudos sobre a porta… E os pazos de Trasalba: o Pazo do Campo ou dos Gaión, mercado polo pai de don Ramón Otero Pedrayo, a carón do que dona Eladia, a nai, xunto coa muller do escritor, dona Fita e il mesmo, no 1948, a xeito de exorcisar aquel lugar de non bo fado,  mandaron erguer un cruceiro… e que a finais da vida do escritor tivo que vender. Casona con esas singularidades de portalón, patín e balconada de pedra, gran cheminea, lindeira coa sobria Casa Grande de Cima de Vila,  o lugar de ida e volta,  o “locus amoenus” de Otero Pedrayo. Obrigada visita que dende a bocarribeira de Amoeiro emproa aos cinco ribeiros: Miño, Barbantiño, Arenteiro, Avia, Arnoia. Protexida de muro, entrada ao patio con fonte sempre a borbullar, corte e fornos…a solaina de madeira deseñada por Castelao…detrás a solaina de pedra, onde de neno don Ramón leu “Mémoires d´outre-tombe” de Chateaubriand. Hoxe casa-museo entregada a Galiza polo escritor ourensán, rehabilitada dos anos oitenta, convertendo as adegas en auditorium e as cortes en biblioteca….  Espazos imprescindibles para entender a esta grande personalidade do século XX…o pazo de Tamallancos dos Taboada respondendo ás mesmas características

Inscripción Capela do Pazo de Lousada Diéguez (Moldes)

Sobre os Chaos de Amoeiro, Vilamarín, parroquia de Sobreira atopamos o Pazo do Rego con solemne escudo barroco, a modo de peineta sobre a porta, agora dedicado á explotación do aceite… Camiños que dos ribeiros ourensáns levan ás ribeiras sacras de Chantada, onde o máis sobranceiro e antolóxico é o castelo-pazo de Borulfe, baril lección do paso de fortaleza medieval, sec. XIV, a pazo barroco. Castelo de señorío real, cedido a fidalgos como os Ougea, Gil Fernández, Nóvoa Vilamarín, tesoureiro que foi este da catedral de Sevilla en tempos de Felipe II… pasando aos Condes de Maceda, de la Maza, López de Bustillo, Vecoña Otero que o pasa en venta á Deputación de Ourense no 1976.

Na parroquia de Vilaseco , Mandrás está o Pazo da Pousa, da Casa de Bouzas e de Temes. Sendo un dos seus derradeiros herdeiros don Isidoro Temes esposo de dona Angelita Varela Condesa de Valle de Oselle e Marquesa de Atalaya Bermeja, culta, benfeitora e teósofa, do que enviuvou, para ser  hoxe de Escudaría Ourense. Pazo que mostra esas características e sobriedade destas construcións nas terras do Carballiño: soberbio muro de cerre, en planta en L, con torre en esquina  gran patio central entre arcos sobre os que se ergue a solaina abalaustrada . Escudos dos Quiroga, Mosquera, Aldocín, Temes.

O inmediato Piñor de Cea tamén é bisbarra de sobrios pazos, como o de San Mamede da Canda ou de Reda, con tres escudos sobre o  seu portalón  mostrando as armas dos que foron algúns dos seus antigos propietarios, os Losada, Mosquera, Camba, Torre, Taboada, Noguerol, Vilamarín, Quiroga. Nos vellos camiños de Oseira onde asoma tamén o Pazo de Vilariño,  de planta rectangular, con torre e escudos dos Mosquera de Soutomaior, Andrade…

Os pazos dos ribeiros de Avia e do Arenteiro

No concello do San Amaro e na parroquia de Santa Uxía das Eiras, acochado polo seu muro está o seu pazo, alterada por diferentes intervencións: patio de acceso, solaina erguida sobre arcos de medio punto. Escudo no que atopamos os cuarteis dos Araujo, Salgado, Temes, Sotelo, Enríquez, Nóvoa, Vázquez, Gayoso, Pallares, sendo ademais propietarios os Toubes, Salgado, Tizón, influentes familias en Compostela.

En Boborás, sen faltarlle pretensións tamén asomada á estrada petamos coa decimonónica casona, a pesar de todo coñecida popularmente como  Pazo da Almuzara, que foi do acomodado filántropo carballiñés don Perfectino Vieitez.

Xa nos arredores do Carballiño, na estrada do Irixo, na aldea de Barro e lugar de Madarnás o Pazo de Temes: na fachada o escudo  coas armas dos Ulloa, Salgado, Temes, Mosquera, solaina e varais de pedra que sosteñen o tellado. Casona que foi dos Araujo, Suárez, Ocampo, dos Temes, mencionado nas notas de Risco na súa peregrinación a Compostela en xullo de 1926.

 Xa no ribeiro do Arenteiro, o  pazos de Cabanelas, como o da Reboreda coa súa fachedosa cheminea nun lateral e coa capela dedicada ao San Bartolomeu, coas armas dos Losada e dos Ribadeneira. Nesta bocaribeira tan ben coñecida pola condesa de Pardo Bazán, empoleirado sobre os socalcos faise ver a Casa do Cabido, propiedade dos Quiroga, en orixe dos cabaleiros da Encomenda de San Xoán de Beade. Construción de planta rectangular con fachada sobre a que asoma a solaina abalaustrada, entre varais de pedra que sosteñen o aleiro do tellado,  a mais dun balcón con varanda de ferro. Paramento co escudo coa cruz e a palma en alusión a unha Inquisición omnipresente neste ribeiro. Preto está o pazo de Cimadevila, ou dos Mora,  con graciosa solaina sobre canzorros…Atractiva lección de cantería en balaústres, pináculos, chemineas… o que por algo acolleu as ansias derradeiras do mestre canteiro Adolfo Otero Cerdeira, adquiríndoo e devolvéndolle a súa dignidade da que señorea.

En Banga o Pazo dos Quiroga, que serviu de inspiración á Pardo Bazán para “Los Pazos de Ulloa” ou a “La Madre Naturaleza”. Sobria casa , de planta en U que emproa cara ao horizonte para ser “Balcón do Ribeiro”, observatorio, por unha banda dos socalcos que baixan ao Varón e soben cara a Anllo, como cara á inconfundible silueta do Coto de Novelle, baixo o que Miño e Avia se xuntan e poñen sitio a Ribadavia… Onde pola Candeloria o marelo e o arrecendo das mimosas inza todo e máis o abandono. Casona sen concesións ornamentais, a non ser ao escudo do centro da fachada, sobre o balcón e no que campan os cuarteis dos Quiroga, os Feixoo e dos Salgados… Lembro sobre a limeira dun portón lateral algunhas labras , representando músicos, desaparecidas. Do portalón accedíase a un patio e patín cunha sinxela fonte baixo  solaina de clásicos balaústres. O orgullo e corazón daquelas casas érano tanto as adegas como a gran lareira. No Varón o Pazo de Lodeiro, coa súa solaina, as súas gárgolas … Casona que foi dos Suárez de Deza e Oca, dos Feixoo, os del Valle, Reinoso…

En Boborás, entre o casarío da aldea de Ventosa de Xurenzás, o da familia Munín, con importante arquivo, mesmo con documentos relativos á feira do Carballiño. Tamén en Cameixa de Boborás a Casa Grande ou Granxa do Mato dominando as súas extensas propiedades. Construción á que están vencelladas familias provenientes do Deza, como os Rivera e Taboada, emparentados cos Zúñiga e Zarate, Marqués de Bosqueflorido, cos Pimentel.. e finalmente da non menos interesante familia Espinosa. Perto o Pazo de Currelo, moi transformado, de planta rectangular con dúas escaleiras exteriores, con gárgolas na fachada, portalón, patio… vencellado aos Camba, Tizón, Toubes….Si merece coñecerse o Pazo Tizón en Moldes, próximo ao que está o chamado Pazo de Moldes,  cercado por un potente muro, aberto por arco de medio punto,  cunha inscrición que di que a capela mandárona construír os licenciados Bartolomé e Francisco e Diego de Tizón, no 1551: de plana cadrada e  vinculado á vida de Lousada Dieguez, con canto significou na Xeración Nós.

Pazo de Lousada Diéguez (Moldes)

Camiños do Ribeiro do Arenteiro, os que nos conducen a Pazos, topónimo que xa indica a súa importancia: como a Casa dos Feixoo na parte mais alta, construído no 1553 por Mateo Fernandez del Valle. Sobre a porta do muro os tres escudos cos cuarteis dos Puga, dos Fernández del Valle, Nóvoa Enríquez, Salgado, Ribadeneira  dando acceso a unha construción pequena pero cunha pretensiosa solaina sobre arcos, formando ángulo. Cuberta sostida por pilares…. A carón da Igrexa a mesma Casa Reitoral rehabilitada polo arquitecto  Cesar Portela, co seu patín e a súa solaina, as adegas… A carón do igrexario o mais sobranceiro, o  dos Cervela, familia da Ulla e vencellada a Sánchez Cantón. Fachada con entrada baixo o balcón e ben enmarcado escudo…E os solemnes pazos de Beade, como o de Fermoso, o dos Oxea…

Pazo dos Cervela (Pazos de Arenteiro)

Nas beiras do Avia o Pazo de Cenlle ou o de Lentille,  en Esposende, o de Casaldereito, co seu patio circundado por un corredor abalaustrado… o de Saa, o das Quintas no San Amaro , a Casa Grande da Touza, con planta en U e rodeado dunha grande finca, fachada con gran portalón cos escudos dos Toubes que da acceso a un patio, solaina con pendellos e adegas… e o de Santa Uxia das Eiras, de entrada  de arco rebaixado sobre muro festonado por cornixa, remates piramidais e ameas triangulares. Casa que foi dos Cárdenas, Tizón, Crespo, Sabaríz vencellados cos condes de Borraxeiros….a Casa Grande de Rioboo dos Fernandez Cid-Temes.

Entre aqueles derradeiros fidalgos con casona no Carballiño, lembro aos Ulloa Somoza, a Florinda que morreu máis que centenaria na Coruña, ao seu irmán Gustavo, enterrado no sobrio panteón familiar de Señorín, amigo e mecenas do escritor Eduardo Blanco Amor, acollido no seu pazo de Santa Cruz de Arrabaldo. Os Taboada, os Munín …


—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén: “O pasado e a base da Biblioteca Municipal do Carballiño”

Felipe Senén: “O profesor Xaime Ferreiro Alemparte: un universo literario entre Cabanelas e Alemaña”

Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo nas lembranzas do Carballiño

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Felipe Senén: “O Tempo de Defuntos no pétreo barco do Cemiterio de Señorín “

Felipe Senén:”as decimonónicas fábricas de papel das terras do Arenteiro”

Felipe Senén: ” Algunhas lembranzas arredor da miña Eira de Flores “

Felipe Senén: ” O CARBALLIÑO, CAPITAL MUNDIAL DO PULPO”

Felipe Senén: “o pulpo, Aurora Baranda e o Carballiño, unha santa trindade galega”

Felipe Senén: “de monte de Mesego a cidade xardín e Parque do Carballiño”

Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”

Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño