Ribeiro en Común volve solicitar o apoio da Deputación para a nova pista do pavillón

A formación de Ribeiro en Común volve a solicitar o apoio da Deputación de Ourense para o arranxo da nova pista do pavillón. Informaron desta nova solicitude a través do seguinte comunicado:

“O pasado 27 de febreiro o grupo municipal de Ribeiro en Común no Consello Municipal de Deportes volveu reclamar, a través do seu representante, a colaboración á Deputación de Ourense para o cambio da pista do Pavillón de Ribadavia.

AVANTAR ACTIVIDADES

A pesar desta petición, o pasado 7 de marzo de 2023 a Deputación fixo caso omiso, e na súa Xunta de Goberno aprobou unha batería de subvencións e axudas a concellos para mellorar infraestruturas municipais, destinando máis de 490 mil euros, que sen embargo, volveu a excluír este proxecto de Ribadavia. Entre outros, aprobou 35.000 euros para o concello de Baltar, 48.000 euros para Boborás, idéntica cantidade ao Concello da Bola. Castrelo de Miño recibirá dúas subvencións, de 25.000 euros e de 23.000. Ademais, Cortegada contará con 48.000 euros. A relación de axudas a concellos complétase cos 32.000 euros concedidos a Monterrei para a cubrición de pistas deportivas; 48.000 en Oímbra; 25.000 , en Pereiro de Aguiar; e 36.000 euros en Vilariño de Conso.

A pesar deste reparto, unha vez máis deixan fora este e outros proxectos de Ribadavia.

Así, recordamos:

– Existe un informe e memoria técnica para a súa renovación, emitido en outubro do 2019.

– En febreiro do 2022 trasladase a recollida de sinaturas dos clubes deportivos de Ribadavia e dos abonados, do propio Consello Municipal de Deportes e do Pleno Municipal de Ribadavia.

A pesar disto, desde a Deputación, que neste período realiza numerosas modificacións orzamentarias, convenios con concellos e subvención nominativas, decide non colaborar con Ribadavia. Reiterase no mes de abril.

– A Deputación elaborou os seus Orzamentos 2023, e de novo comprobamos con decepción e indignación que volve excluír ao Pavillón de Ribadavia e esta mellora tan necesaria nun dos pavillóns con maior actividade da provincia.

– O Pleno de outubro 2022 de Ribadavia aprobou a Moción para que a Deputación Provincial inclúa nos Orzamentos a realización da nova pista no Pavillón. Sen embargo decidiron excluír ao proxecto e nestes meses que puideron non o fixeron,

Reiteradas veces se ten manifestado en Pleno que o Concello solicita esta colaboración na mesma medida en que a Deputación destina a outras infraestruturas deportivas da provincia, comprometéndose o Concello a participar tamén no seu financiamento.

A reforma e instalación dunha pista nova do Pavillón é unha reclamación de todo o tecido deportivo de Ribadavia, non dun único grupo municipal. En Ribadavia non queremos ser máis que ninguén, pero non debemos consentir ser menos, tampouco no noso Pavillón.

É importante coñecer que na Deputación existe desde outono de 2019 (gobernaba o Concello o PP) unha Memoria Técnica de cambio da pista deportiva do noso Pavillón. Neste tempo (e antes) foron constantes as subvencións da Deputación a instalacións deportivas dos Concellos da provincia, exemplos que mencionabamos na Moción do mes de outubro de 2022:

48.000 euros para o “complexo deportivo de Padrenda”.

100.000 ao Campo de fútbol de Coles.

48.000 Concello de Petín para polideportivo.

186.000 campo de fútbol Carballiño.

115.000 campo do Barco.

48.000 a “instalacións Deportivas de Sarreaus”.

48.000 para o pavillón de Amoeiro.

– Recentemente a Deputación, o 24 de febreiro de 2023, aprobou en Pleno unha modificación orzamentaria millonaria, de 20 millóns de euros, os cales distribúe por concellos e asociacións da provincia, e sen embargo, volve excluír o cambio de pista do Pavillón de Ribadavia.

– Por este motivo, desde Ribeiro en Común retomamos esta reivindicación que consideramos xusta e necesaria para Ribadavia, e de novo o Pleno Municipal de Ribadavia abordará este agravio coa intención de que todos os grupos municipais lle dean o seu respaldo a nova pista, incluído ao candidato do PP que é vicepresidente da Deputación”.