Ourense, candidata a sede do Campionato Europeo de Balonmán en 2028

O Pazo dos Deportes “Paco Paz” sería a única sede galega deste Europeo, que se disputará en España e Portugal  

Publicidade

Manuel Baltar afirma que se trata dunha “gran noticia para a provincia de Ourense” e amosa que “queda patente a nosa dispoñibilidade e vocación para ser esa sede, cuestión que ven de moi bo agrado tanto a Federación Galega de Balonmán como a Secretaría Xeral para o Deporte” 

O Pazo dos Deportes “Paco Paz” de Ourense é unha das catro sedes españolas que integrarán a candidatura conxunta de España e Portugal para acoller o Campionato de Europa Absoluto Masculino de Balonmán 2028. O presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, reuniuse co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e co asesor de Deportes da institución provincial, Bernardino González, para pechar o apoio desta institución, para que a cidade de Ourense se converta na única sede galega deste Europeo e unha das catro españolas. Así, Ourense compartirá cartel xunto a cidades como Madrid, Valencia ou Málaga. 

Manuel Baltar destacou que se trata dunha “gran noticia para a provincia de Ourense e a súa promoción en todos os ámbitos” e amosou que “queda patente a nosa dispoñibilidade e vocación para ser esa sede, cuestión que ven de moi bo agrado tanto a Federación Galega de Balonmán como a Secretaría Xeral para o Deporte”. Pola súa banda, Bruno López agradeceu a resposta da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, que se envorcaron nesta candidatura sen dubidar. Ademais, o obxectivo é acadar tamén a colaboración do Concello de Ourense para que as tres administracións vaian da man neste interesante proxecto para a cidade das Burgas e para o balonmán galego, que volvería a ser sede dun evento internacional, tal e como sucedeu no ano 2019 co Mundial Júnior de Vigo e Pontevedra. 

O presidente federativo insistiu na importancia que terá este evento para afianzar o proxecto da Federación Galega de fomentar o balonmán nesta provincia, que é un dos seus obxectivos a curto prazo. A federación quere apoiar o gran traballo que están a realizar os clubs da provincia para lograr, entre todos, que o noso deporte estea cada vez máis implantado en Ourense. 

Manuel Baltar salientou que a Deputación de Ourense “cree en Ourense como un territorio deportivo, contando cun espazo axeitado para as competicións de alto nivel: posúe un dos pavillóns polideportivos máis importantes de Galicia, o “Paco Paz”, e sabedores da celebración en 2028 do Campionato de Europa de seleccións nacionais absolutas, trasladámoslle ao presidente da Federación Galega de Balonmán a nosa disposición a ser unha das sedes deste campionato, e coa planificación, a privisibilidade e a programación coa que traballamos desde a Deputación, consideramos axeitado saber ler os tempos, anticiparse, e así llo trasladamos ás autoridades federativas, xunto co dossier do pazo dos deportes, instalación deportiva que albergaría eses encontros internacionais”.