O Carballiño adhírese ó Bono Activa Comercio da Xunta para fortalecer o sector con descontos nas compras

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou esta mañá no Carballiño da posta en marcha do programa Bonos Activa Comercio por parte da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación co obxectivo de favorecer e impulsar a reactivación do comercio local e de proximidade. Esta iniciativa despregará un total de 330.000 bonos, orientados a todas as galegas e galegos maiores de idade, cun orzamento total de 10 millóns de euros.

Acompañado do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e de Julián Garriga, presidente do Centro Comercial Aberto, o delegado territorial visitou o establecemento de venda de roupa “Kirschen”, onde detallou todas as cuestións desta medida, que se poden consultar na páxina web www.bonosactivacomercio.gal. Os comercios interesados en adherirse a esta campaña teñen aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 15 de maio.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén subliñou que a Xunta é perfectamente consciente de que os efectos da pandemia durante o último ano, así como as necesarias medidas restritivas para protexer a saúde dos cidadáns, están a menoscabar o volume de negocio das tendas e dos comercios e por iso, dado o seu compromiso co sector e a mellora da situación pola chegada das vacinas fronte á covid-19, cremos que é o momento de incentivalo con esta importante inxección económica a través dos cidadáns, aos que lles pido que aposten polo comercio local”,

O representante do Goberno galego tamén indicou que en canto aos consumidores, deberán darse de alta no portal dos Bonos Activa Comercio en Internet facilitando os seus datos ou de xeito presencial nas sedes da Dirección Xeral de Comercio ou as xefaturas territoriais da Consellería. A partir da próxima semana, poderán descargar o bono de 30 euros, que ten formato dixital a través dun código QR que estará dispoñible para a súa utilización na aplicación móbil Wallet, e gozar de descontos nas súas compras -a pagar en efectivo ou con tarxeta bancaria- nos establecementos adheridos –a previsión é que os clientes poidan usar o bono a partir da primeira semana de maio–. As rebaixas serán de 5 euros para as operacións iguais ou superiores a 30 euros e de 10 no caso das compras iguais ou superiores a 50.

“Presentamos unha medida novidosa e excepcional, pero cremos que a situación o require para animar o consumo e empuxar ao comercio local, que é garantía de calidade e o que dá vida ás nosas vilas e aos nosos barrios”, sinalou o delegado territorial, que detallou que, se a campaña culmina con éxito e se emprega o 100% da contía dos bonos, “inxectaranse, só con esta iniciativa, ao redor de 55 millóns de euros nos establecementos de proximidade, o cal consideramos un punto de partida máis que interesante para a reactivación do sector”.