Zona Franca de Vigo e Concello de Ribadavia exploran vías de colaboración para impulsar empresas e emprego no municipio

O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, visitou o Concello de Ribadavia convidado pola súa alcaldesa, Noelia Rodríguez, e ambos acordaron explorar as posibles vías de colaboración entre as dúas institucións en materia de emprego e fomento do tecido empresarial e emprendedor.


David Regades visitou primeiro o edificio do Concello, onde mantivo unha reunión co equipo de goberno, e logo o Parque Empresarial de Ribadavia, cuxa terceira fase está en pleno desenvolvemento. O delegado do Estado asegurou que “entre os obxectivos de Zona Franca está o impulso da actividade empresarial e do emprego e aí todos os actores que nos pidan colaboración van atopar”. Neste sentido explicou que “Zona Franca chega a Ribadavia para quedar e impulsar a economía do municipio”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado do Estado destacou “as oportunidades que se abren cos fondos europeos Next Generation, aos que Zona Franca presentou varias manifestacións de interese con proxectos centrados na automoción, o hidróxeno e os chips fotónicos”.


A rexedora de Ribadavia interesouse polos proxectos do Consorcio que poidan ter interese para os cidadáns do seu municipio e en especial polo proxecto da fábrica de baterías. Nesta liña mostrou a súa “preocupación por crear emprego e a necesidade de chan empresarial para atraer empresas ao municipio que nos permitan fixar poboación, especialmente entre os máis novos”.

Ademais, Noelia Rodríguez explicou que o municipio que preside “ten unha gran conexión con Vigo, non só pola proximidade, apenas 45 minutos de distancia, senón tamén porque no seu parque empresarial aséntase unha das empresas de compoñentes da factoría viguesa do grupo Stellantis, outras do sector de conxelado e porque hai moitos concidadáns que traballan en Vigo” o que demostra, concluíu, “que aquí se pode situar calquera empresa”.


Delegado e alcaldesa visitaron a firma de Frigoríficos Fercon, que se instalou fai catro anos no parque empresarial de Ribadavia e cuxo grupo naceu no Porto de Vigo, onde segue operando. O seu conselleiro delegado, Manuel Fernández, explicou a Regades e Rodríguez que a firma está especializada en conxelados, fundamentalmente de peixe azul, que exporta a numerosos países, entre outros, Sudáfrica, China, Angola, Libia, Estados Unidos e varios de Europa.