A Xunta impulsa en Ourense a comercialización do produto artesán galego

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañados da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá a XXIV Feira de Artesanía de Ourense, que se celebra na rúa do Paseo ata o próximo domingo, 2 de maio.

Organizada pola Asociación de Artesáns de Ourense e baixo o lema A creación como modo de vida, a edición deste ano amosa o traballo de 14 profesionais que forman parte da marca Artesanía de Galicia e que están especializados en actividades como a xoiería, a cerámica, o coiro, a bixutería, o téxtil e os arranxos florais.
Os obradoiros que participan son Amorei (Soutomaior), Mario López (Vigo), Rosa Fraiz (Vilagarcía de Arousa), Silvereira (Ames), Paznavas (A Coruña), Montse Betanzos
(O Grove), Noga Arts (Santiago de Compostela), Cerámica Ferreira (Vigo), Xakarandá (Marín), Las Flores de Greta (Gondomar), Chueco A Coruña (A Coruña), Zimzelatum (Gondomar), Mestura de Kores (Vigo) e Taller Viola – Flores Secas (Oza-Cesuras).
Os outros dous expositores que participan na mostra son Bicas de Trives, que tamén forma parte da Asociación de Artesáns de Ourense, e o obradoiro de xoiería Testone Hojas, procedente do País Vasco.

AVANTAR ACTIVIDADES

O horario de apertura da feira é de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. A Asociación de Artesáns de Ourense é unha agrupación profesional constituída no ano 1996 conformada por artesáns de diferentes oficios e que se dedica á divulgación e á promoción do sector artesán, dando a coñecer os procesos de creación e achegando valor e diferenciación ás obras dos seus asociados.

Desde o ano 2007, a Xunta colabora con esta mostra que xa está consolidada no calendario de feiras de artesanía de Galicia, co obxectivo de apoiar a posta en valor dos oficios artesáns, potenciar a marca Artesanía de Galicia e promover a comercialización directa do produto artesán galego.