O BNG de Barbadás pedirá no pleno deste luns a construción do tan demandado I.E.S.

Trátase dunha vella reivindicación da comunidade educativa e da veciñanza de Barbadás en xeral e o cal cubriría as necesidades dos preto de 2.300 alumnos en idade de ensino obrigatorio e post obrigatorio censados no municipio

No pleno do Concello de Barbadás deste luns 03 de maio, o Grupo Municipal do BNG, pedirá a través dunha moción, que o concello inicie os trámites necesarios para por a disposición da Xunta de Galiza á maior brevidade posíbel, os terreos necesarios para a construción do tan demandado I.E.S.

AVANTAR ACTIVIDADES

A reivindicación de que o Concello de Barbadás dispoña dun Instituto de Educación Secundaria non é nova e resulta ser “unha gran necesidade perfectamente xustificable, pois Barbadás dispón de ao redor de 2.300 mozas e mozos en idade de Ensino Secundario Obrigatorio e post obrigatorio” tal e como afirma o portavoz nacionalista Sarín Núñez.

Para o BNG de Barbadás, “é unha realidade que a diferenza do que acontece na meirande parte dos concello da provincia e seguramente motivado pola súa proximidade a Ourense capital, a porcentaxe de poboación moza en idade escolar é o suficientemente elevada como para que por parte tanto do concello como da Xunta de Galiza, a cal ten amosado nos últimos anos unha pasividade pasmosa á hora de abordar esta cuestión, asuman como unha prioridade a construción dun IES no noso municipio”.

Estamos diante dunha vella reivindicación xa que como ben afirma Sarín Núñez, “xa no mes de outubro de 2009 o entón Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, acompañado polo entón alcalde, Jose Manuel Freire Couto fixo unha visita ao concello no transcurso da cal, manifestou que o comezo das obras terían lugar ese mesmo ano, chegando a manifestar que a primeira pedra sería posta no primeiro semestre e mesmo que o centro, comezaría a funcionar o seguinte curso”. Núñez engade, ” falamos do ano 2009, pois ben, a día de hoxe, seguimos agardando a que se coloque esa primeira pedra”.