A Lei de Recuperación da Terra Agraria incorpora 110 enmendas do grupo socialista

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, sinalou hoxe que a Lei de Recuperación de Terra Agraria rematou hoxe o trámite en Comisión, coa abstención dos socialistas, e queda pendente do debate final no Pleno do Parlamento incorporando 110 das 250 emendas –entre aceptadas, transaccionadas e subsumidas- presentadas polo PSdeG. Seco emprazou á Xunta a “demostrar se a Lei é útil ou queda en papel mollado para vostedes”.

O parlamentario socialista salientou a incorporación de mecanismos de control propostos polo Grupo Socialista, como é a obrigada constitución dunha Comisión de Avaliación e Seguimento da Lei, cunha composición plural e coa voz de expertos e especialistas na materia. Estes coñecerán os informes de control da xestión económico – financeira emitidos polos órganos de control externo e interno, proporá estratexias e analizará os recursos postos sobre a mesa polo goberno galego.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ademáis, transaccionaron a obriga da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural –Agader- de elaborar un plan de acción anual das actuacións en materia de recuperación agraria, sinalando os obxectivos, o orzamento, os recursos dispoñibles e a previsión de resultados. Así mesmo, o Agader deberá remitirlles ao Consello de Xestión da Terra e ao Parlamento un informe bianual coa avaliación do desenvolvemento da Lei.

Os socialistas conseguiron que os inmobles en solo rústico ou núcleo rural de titularidade incerta poderán subhastarse, permutarse ou constituírse dereitos reais sobre eles logo de 10 anos da atribución da titularidade, e non de 5 anos como pretendía a Xunta, e que ademais quedarán en propiedade do Agader. Lembrou que o PP en 2009 criticaba o Banco de Terras do goberno galego alertando de que ían quitarlle as terras aos propietarios “coa escusa de que non as traballas”.

Martín Seco sinalou que a Lei incorpora ademais diversos instrumentos, que se suman aos xa coñecidos do Banco de Terras, como son o banco de explotacións, os polígonos agroforestais e as aldeas modelo, así como a creación de espazos agrarios de experimentación. As persoas mozas ou emprendedoras poderán aproveitar estes recursos para recibir formación e probar o seu modelo de negocio nun entorno favorable.

Anos perdidos e inseguridade xurídica

Seco sinalou que a Lei é “necesaria pero chega con moitos anos de retraso” e que supón un “xiro radical sobre as formulacións que mantiveron ata agora os gobernos do PP, con múltiples retrasos na normativa de ordenación territorial”. Nestes 12 anos “perdidos”, dixo, Galicia perdeu máis de 250.000 hectáreas de superficie agraria útil, e foron abandonadas máis de 37.000 explotacións agrarias, mentres Galicia ten unha das menores superficies agrarias de Europa.

O responsable socialista advertiu que “podemos escribir leis, pero outra cousa é que se desenrole o seu contido”, polo que os socialistas galegos vixiarán a execución da norma, sinaladamente logo do proceso escollido polo PP para tramitar a norma furtando o control da Lei. Ao ser presentada dende o Grupo Parlamentario e non dende o goberno, “esquivan” os informes do CES, do Consello Agrario, do Consello Forestal e mesmo da asesoría xurídica da Xunta.

Explicou ademais que a Lei foi presentada “sen acompañar dun mínimo estudo de impacto, sen unha avaliación previa da situación da estrutura territorial en Galicia e sen unha análise custe – eficiencia das solucións propostas”. Advertiu de que os efectos da lexislación “poden quedar en nada ante a evidente falla de vontade política e orzamentaria para solventar os problemas do rural galego”.