O PPdeG volve solicitar ao Goberno que rectifique a suba das peaxes na AP-9 e AP-53 ante “o agravio económico que supón para Galicia ter as autoestradas máis caras de España”

  • Os populares denuncian que os usuarios da AP-53 son os únicos no conxunto de España que non gozan de bonificación ou desconto por viaxes recorrentes ou uso frecuente
  • Contrapoñen a “voracidade recadatoria” e a “falta de sensibilidade coas familias” do Goberno central coa decisión da Xunta de conxelar as peaxes nas autoestradas de competencia autonómica”
  • “As forzas da esquerda queren facer das autoestradas un recurso de luxo que só poidan permitirse uns poucos”, sinala o voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, José Manuel Balseiro

15 de xaneiro de 2023. O Partido Popular de Galicia solicita ao Goberno de España que rectifique a suba recentemente aprobada nas peaxes das autoestradas AP-9 e AP-53 e proceda á conxelación das súas tarifas ante “o agravio económico que supón para Galicia ter as autoestradas máis caras de España”.

A través dunha proposición non de lei no Parlamento de Galicia, os populares demandan que o Executivo atenda os acordos acadados tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso dos Deputados para a conxelación das tarifas co fin de “favorecer a mobilidade dos galegos e evitar a súa incidencia negativa nas economías familiares e en sectores económicos estratéxicos, como o do transporte, nun contexto de suba desmesurada dos prezos”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O voceiro de Infraestruturas do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, critica o “desprezo” do Goberno de Pedro Sánchez ante esta demanda unánime que conseguiu concitar o acordo das tres forzas políticas con representación na Cámara galega e neste sentido considera que “as forzas da esquerda queren facer das autoestradas un recurso de luxo que só poidan permitirse uns poucos”.

“Outra folla de ruta alternativa é posible, diametralmente oposta á que desenvolve o Executivo de PSOE e Podemos”, sinala o deputado popular facendo unha contraposición entre a inacción do Goberno central e a decisión da Xunta de Galicia de conxelar as peaxes nas autoestradas de competencia autonómica.

Os populares sinalan na súa iniciativa que foi a “voracidade recadatoria” e a “falta de sensibilidade coas familias” o que levou ao Goberno que preside Pedro Sánchez a consumar a suba xeral de taxas e impostos, facendo “oídos xordos” aos pronunciamentos tanto do Goberno galego como de varios concellos e incluso de asociacións de consumidores e automobilistas.

Algo que coincide no tempo coa decisión de suprimir a rebaixa automática de 20 céntimos que se aplicaba no momento de botar combustible nas estacións de servizo. O cal, segundo os populares, encarece aínda máis a mobilidade dos galegos.

Na iniciativa tamén lembran que os usuarios da AP-53 son os únicos do conxunto de España que non gozan de bonificacións ou descontos por viaxes recorrentes ou uso frecuente. Unhas vantaxes que no caso da AP-9 non tiveron os efectos desexados, xa que no 2022 non se esgotou a consignación orzamentaria prevista para esta medida.