A proposta do goberno de Pedro Sánchez é un misil na liña de flotación da economía de moitos veciños do noso pobo.
Transportistas, autónomos e pequenas empresas entre os máis perxudicados por unha medida impropia dun goberno, coma o de Pedro Sánchez, que se dí socialista.
O Grupo Municipal de Espazo Común do Carballiño vai presentar, para que sexa tratada no pleno deste mes de maio, unha iniciativa para que o Concello, deixe ben clara e sen ambaxes, fixada a súa postura de oposición radical á proposta do goberno do PSOE de cobrar impostos por circular polas autovías dentro de pouco máis de dous anos.
De saír adiante este atentado contra as pequenas economías, os carballiñeses perderíamos a posibilidade de viaxar sen ter que pagar por elo a Madrid, Vigo ou mesmo a Ourense.
O único que se acadaría sería unha saturación das estradas nacionais (as cales non se descarta que tamén sexan de pago no futuro), que non están preparadas para absorber todo o fluxo circulatorio existenten nos máis dos casos. Como exemplo disto, temos as estampas vividas durante os últimos meses, namentres estivo pechado o túnel da Cañiza.
Todo iso por non falar das complicacións que esta medida suporía para a seguridade vial.
Transportistas, autónomos obrigados a desprazamentos constantes, pequenas empresas que precisan da mobilidade dos seus obreiros, e outros moitos sectores veríanse de novo atacados por decisións políticas nas súas, xa precarias, economías. Unha nova carga impositiva que sumada ao insufrible castigo que xa supón para a maioría a crise actual é dunha inxustiza intolerable.
Todos e cada un deles, xa afrontan pagos abondo co imposto de circulación que se liquida cada ano ou cos incontables impostos cos que está gravado o combustible.
Consideramos incrible que un goberno coma o do señor Pedro Sánchez, que se dí socialista poida defender unha medida tan lonxana á tan cacareada pero nunca posta en marcha fiscalidade progresiva.