Ribadavia inaugura o 31 de xullo unha exposición da arte escultórica de MOXOM na Igrexa da Madalena

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia inaugurará o vindeiro 31 de xullo, ás 19,30 horas, na Igrexa da Madalena, a exposición de arte do creador ourensán Xosé Manuel Rodríguez, MOXOM, unha mostra que poderá visitarse ata o 16 de agosto.

Autodidacta, MOXOM iniciouse no mundo da creación artística durante a década dos oitenta como debuxante de cómic. Foi en 1996 cando trasladou ese universo creativo á madeira, disciplina na que desenvolveu un estilo absolutamente persoal. Desde entón realizou arredor de 2.000 esculturas e protagonizou máis de 60 exposicións, consolidándose como un creador singular dentro da arte galega contemporánea.

O seu nome artístico nace da transformación en palíndromo do apelido Mojón, converténdose así en MOXOM, unha denominación que identifica unha obra profundamente vinculada á natureza. O artista traballa unicamente con madeiras recollidas en encoros, camiños, ribeiras ou praias, evitando cortar árbores vivas. Castiñeiro, salgueiro, bidueiro, breixo ou outras especies procedentes principalmente da Ribeira Sacra e doutros espazos naturais de Galicia convértense na materia prima das súas creacións.

O proceso creativo de MOXOM está sempre estreitamente relacionado coa pareidolia, o fenómeno psicolóxico polo que a mente recoñece formas ou figuras en elementos naturais. O escultor observa cada tronco ata descubrir a figura que se agocha no seu interior e, a partir dese momento, elimina unicamente o innecesario para facela visible. Nalgunhas ocasións conserva a madeira ao natural para destacar as súas vetas e texturas; noutras incorpora policromía, humanizando as pezas e dotándoas dunha maior expresividade.

Cada obra súa constitúe unha peza única, resultado dun diálogo entre a natureza e a creatividade do artista, que procura insuflar unha nova vida a materiais que xa cumpriran o seu ciclo natural.

A mostra permanecerá aberta ao público ata o 16 de agosto na Igrexa da Madalena, podendo visitarse de mércores a sábado, en horario de 11,30 a 13,30 horas e de 18,30 a 20,30 horas, e os domingos, de 11,30 a 13,30 horas.

Con esta exposición, Ribadavia ofrece unha nova oportunidade para achegarse ao universo artístico de MOXOM e descubrir unha obra que conxuga natureza, imaxinación e artesanía nun espazo patrimonial de grande valor histórico e cultural.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------