Gonzalo Caballero visita Taboadela e chama a Xunta e Deputación de Ourense a tratar aos concellos “en pé de igualdade”

Publicidade ASPADISI

O secretario xeral reclama ao goberno galego apoio para desenvolver o polígono industrial e a casa da cultura de Taboadela

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe Taboadela en compañía do alcalde, Álvaro Vila, e do grupo de goberno deste municipio ourensano.

HIPER MASIDE

Dende alí, o líder dos socialistas galegos reclamou á Xunta e á Deputación de Ourense que traten aos concellos “en pé de igualdade”.

Así o dixo logo de denunciar que a Xunta está utilizando o procedemento de “concorrencia non competitiva” para o reparto de subvencións, de xeito que as axudas “esgótanse en poucos minutos ao fío despois das doce da noite e soen saír beneficiados concellos do PP”.

“Os veciños e as veciñas de Taboadela non son menos que os doutros concellos”, reivindicou o dirixente socialista, quen fixo fincapé en que os que saen “discriminados” con este sistema son os habitantes das distintas vilas.

Precisamente por iso requiriu que todas as convocatorias de subvencións sexan por concorrencia competitiva, “para que todos os veciños de Galicia poidan recibir fondos en pé de igualdade”. De feito, adiantou que mañá o Grupo Socialista levará ao pleno do Parlamento unha proposición non de lei “para que a Xunta deixe de utilizar estes mecanismos”.

E, tras subliñar que “en Ourense sabemos ben o que é o reparto discrecional de axudas entre os concellos”, Gonzalo Caballero sinalou que é a única deputación galega que segue distribuíndo os fondos deste xeito.

TABOADELA

No que atinxe a Taboadela, Gonzalo Caballero requiriu á Xunta que apoie o desenvolvemento do polígono industrial Val da Rabeda.

“A Xunta non está facendo ningún tipo de política industrial, tan necesaria para fomentar a reactivación económica de Galicia tamén dende os concellos”, sinalou Gonzalo Caballero.

Ademais, requiriu tanto ao goberno galego como á Deputación de Ourense que apoien a reforma da antiga casa rectoral, na que o concello fixo un investimento, para que Taboadela conte cunha casa da cultura.

Pola súa banda, o alcalde, Álvaro Vila, subliñou que “non é de recibo” que o polígono industrial, que ten 1,5 millóns de metros cadrados “baleiros e cheos de xestas”, non teña desenvolvemento.

“Nos 12 anos de Feijóo non puxo ningún proxecto sobre a mesa”, denunciou o rexedor, quen reclamou que as palabras sobre reequilibrio territorial “se traduzan en inversións”.