A Oficina Municipal de Información Xuvenil de Ribadavia, é unha das oficinas xuvenís con máis actividade de Galicia, non só a nivel local, senón tamén a través das súas actividades internacionais a través de diferentes programas de mobilidade xuvenil, tales como o Corpo Europeo de Solidariedade e do programa Erasmus +. En marzo deste ano, o Concello de Ribadavia a través da súa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX RIBADAVIA), participou no “Día da Información Xuvenil” a través do proxecto: SEEDS OF EUROPE – SEMENTES DE EUROPA – “SE”.
Por mor desa actividade, participaron na “Convocatoria de Experiencias locais e autonómica en materia de actividades, programas e proxectos de Mocidade. REDSIJ – INJUVE 2021” e foron seleccionados polo ministerio como unha dás entidades de Xuventude a nivel nacional, para formar parte do: “Catálogo de experiencias locais de mocidade REDSIJ 2021”, cuxa finalidade é ser difundida e compartida con outros centros de información Xuvenil de España.
A actividade baseouse en plantar unha árbore o mesmo día no que se celebrou o Día Europeo da Información Xuvenil, nunha horta local e ecolóxica que están a coidar en Ribadavia, grazas á cesión e colaboracións que fixeron veciños da parroquia de Ribadavia (Ourense) en Galicia e á que deron o nome de ” Ribahortiña”. A actividade simboliza a “Semente de Europa” xa que se plantou polo voluntariado do Corpo Europeo de Solidariedade que colabora no Concello de Ribadavia nas áreas de Mocidade, Cultura e Turismo. O voluntariado pertence a Almería, Eslovenia, Francia e Italia, co cal, a actividade conleva un contido e dimensión europea relevante.