A Xunta inicia as obras de acondicionamento e de mellora da mobilidade peonil na contorna da glorieta da estrada ou-540, que dá acceso aos centros comerciais de Barbadás

  • A actuación, impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, supón un investimento de arredor de 70.000 euros
  • As obras teñen como obxectivo mellorar o firme da glorieta inferior e favorecer a accesibilidade nos percorridos peonís, a mellora da drenaxe das augas pluviais e a renovación da sinalización horizontal
  •  

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá as obras de acondicionamento e de mellora da mobilidade peonil na contorna da glorieta inferior da estrada autonómica OU-540, que dá acceso aos centros comerciais de Barbadás. Trátase dunha actuación impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa de conservación de estradas, iniciada o pasado 10 de maio.

A actuación supón un investimento de arredor de 70.000 euros e ten como finalidade mellorar o firme da glorieta e favorecer a accesibilidade nos percorridos peonís desa contorna, a mellora da drenaxe das augas pluviais e a renovación completa da sinalización horizontal. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Máis concretamente, trabállase na mellora da glorieta situada no punto quilométrico 1+800 da estrada autonómica OU-540, a rotonda inferior que dá acceso aos centros comerciais, que presentaba un firme deteriorado e falta de accesibilidade nalgún punto dos percorridos peonís.

O delegado territorial explicou que, con esta actuación, a Xunta continúa traballando na mellora da estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria e mellorar as prestacións aos usuarios.

Lembrou que ao longo dos últimos anos a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa de conservación de estradas, vén realizando melloras da mobilidade peonil e da accesibilidade nas conexións periurbanas desta estrada autonómica OU-540, en Ourense e Barbadás.

Imaxe da actuación na glorieta: