A Xunta inscribe preto de 90 hectáreas de monte de Leiro e Arnoia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dous anuncios da Consellería do Medio Rural polos que se someten a información pública os procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas de varios montes da comarca do Ribeiro. Por unha banda, dos montes de utilidade pública Serra da Peneda, San Miguel, Novelle e Carixa, de titularidade do concello ourensán da Arnoia. Por outra, dos montes Costa, Xirimelos, Val Escuro, Coto do Santo e Amidonda, de titularidade da comunidade de montes veciñais en man común (Cmvmc) de Valboa e O Casar, no municipio de Leiro.

Publicidade

No caso da Arnoia, inscribiranse un total de 38,1 hectáreas compostas principalmente por carballos (Quercus robur). No que respecta a Leiro, inscribiranse 50,93 hectáreas compostas principalmente por carballos (Quercus robur), touzas (Quercus pyrenaica) e bidueiros (Betula sp).

A partir de mañá, do día seguinte ao da publicación dos anuncios no DOG, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural en Ourense os documentos correspondentes a estes expedientes de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir de mañá.

Cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural está a tramitar actualmente un total de 32 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto máis de 2.000 hectáreas de terreo. Destes expedientes, seis corresponden á provincia da Coruña, oito á de Lugo, nove á de Ourense e nove á de Pontevedra.

Ademais, na actualidade xa existen 19 masas inscritas no rexistro: dúas na provincia da Coruña, oito en Lugo, catro en Ourense e cinco en Pontevedra, cunha superficie total de 1.590 ha.