O BNG lamenta “outros dous anos perdidos” en Celanova co goberno Puga

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

BALANCE DE METADE DE MANDATO

As nacionalistas critican que o alcalde ignorou os acordos co BNG que o levaron á Alcaldía, e que o goberno municipal, cun PSOE irrelevante, limítase a reproducir as políticas do PP.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

 Lembran que este goberno non iniciou unha soa actuación de calado en dous anos: nin o PXOM nin a piscina, e que Celanova segue a perder terreo. 

 Leopoldo Rodríguez, portavoz do BNG no Concello de Celanova, fai balance da metade de mandado do goberno municipal de Celanova, dous anos despois das eleccións do 26 de maio de 2019, e constata: “Aínda considerando as dificultades da pandemia, foron dous anos perdidos. Dous anos máis nos que Celanova volveu quedar atrás. Nos que non se viu por ningures o cambio de políticas e de forma de facer política que podiamos esperar do goberno de Celanova Decide en coalición co PSOE. Unha decepción”.

O concelleiro nacionalista lembra que o partido do alcalde se formou “de maneira precipitada, con moita improvisación” e esta circunstancia determina a súa xestión no goberno: “totalmente improvisada, inexperta, sen plan ningúnnin actuación ningunha de calado; e cun socio de goberno, o PSOE, incapaz de achegar nada e que é irrelevante”.

ALCALDE QUE NON CUMPRE O ACORDADO CO BNG. Rodríguez lamenta que o goberno Puga-PSOE non teña cumprido ningún dos acordos de hai dous anos, cando o BNG deu o apoio á investidura do alcalde. “O máis grave, e que ten moito que ver coa parálise que sofre o concello, é que non iniciaron a elaboración dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), tal e como se comprometeran, e seguimos cun instrumento de hai dúas décadas, completamente obsoleto. E sen plan é imposíbel facer avanzar o concello”. Entre os acordos de investidura que o alcalde ignorou, sinala tamén a habilitación dunha Casa da Mocidade, a recuperación dos Locais Sociais nas parroquias, a construción de Sendas Peonís; así como algúns asuntos que eran parte daquel compromiso de xuño de 2019 e que foron ratificados en pleno e nos que o goberno municipal incumpriu por dúas veces: o inicio dos trámites para a construción da piscina cuberta, a creación do escano cidadán como un elemento máis do pleno (“e non como unha gracia concedida polo alcalde, por non ter desenvolvido unha norma”) e, finalmente, a eliminación da simboloxía franquista, especificamente, o monumento falanxista do Outeiro da Obra, “que o alcalde se negou a levar ao pleno e cando o levamos nós, o BNG, negouse a debatelo”.  

SEN REACCIÓN DIANTE DA CRISE. Para as nacionalistas, é “especialmente grave” a incapacidade do goberno municipal para reaccionar diante da crise económica e social consecuencia da pandemia. “O BNG fixo propostas desde maio de 2020: rebaixa do IBI (outras vilas fixérona, aquí acordouse en votación, e o alcalde dixo que non porque eles votaran que non) , rebaixa ou fórmulas de compensación de taxas municipais, oficina de xestión de axudas… acordáronse no pleno, pero nada. O BNG continuou facendo propostas no verán de 2020: mobilizar o remanente, reactivar o tecido comercial con axudas directas, con formación, con promoción… e nada. Seguimos a finais de ano e xa neste ano: aprobouse unha comisión de comercio en xaneiro, onde está?”. Quince meses despois da crise sanitaria, as axudas municipais “seguen sen chegar á veciñanza”, denuncia o portavoz do BNG, “cando outras vilas fixérono moito antes, tomando máis vantaxe a respecto de Celanova.”

REPRODUCIÓN DO PP. Leopoldo Rodríguez lamenta ademais a falta de transparencia na actuación do goberno municipal, e pon como exemplo a recente intervención da coalición Celanova Decide-PSOE diante da alarma producida polo anuncio dun polígono eólico no Monte da Neve. “Primeiro, non dixeron nada até que o BNG preguntou polo asunto; despois, non deron información ningunha; agora están a incumprir outro acordo unánime do último pleno de dar información á veciñanza… mesmo dixeron que se opuñan ó polígono, mais non fan públicos os seus argumentos”. O portavoz nacionalista advirte dun uso das institucións “cun talante pouco democrático, mesmo limitando as intervencións nos plenos, como pasou no último, e cunha grave falta de transparencia”. Ademais, subliña, “esta reprodución de actitudes de épocas pasadas ten tradución en actuacións concretas, como nos orzamentos, que ademais de seren aprobados no que nós chamamos un pleno clandestino (unha sesión telemática que non puido seguir nin a prensa) foron unha simple continuación dos orzamentos do PP: pagar nóminas e repartir cartos entre as asociacións.”

PARA QUE SERVE A POLÍTICA? “Para que serven os plenos?”, pregúntase o concelleiro nacionalista. “O BNG levou propostas a todos plenos. Levou máis que ningún outro grupo. E logramos sacar adiante máis do 60% delas. Algunhas, mesmo con acordos unánimes. Por exemplo, a implantación da retransmisión en directo dos plenos. Ou por exemplo, unha solución desde o Concello para a crise na Residencia San Carlos. Cousas que se acordaron cun respaldo absoluto e que o alcalde non só ignorou, senón que se empeñou en botar para atrás”, lembra Leopoldo Rodríguez.

CELANOVA SEGUE A PERDER TERREO. “Para que serven os plenos en Celanova? Para que serve facer política e facer propostas para avanzar e colocarnos ao par con outras vilas?”, reitera o concelleiro nacionalista, antes de concluír: “A política e as propostas moléstanlle a este goberno, que chegou sen plan e acabou reproducindo a xestión nefasta que viña facendo o PP e perdendo dous anos máis, deixando que Celanova siga a perder terreo no conxunto das vilas. E non hai ningún signo de que isto vaia cambiar”.