Mazarelos adiántase ao nadal e presenta o número 12 da revista!

Destacan os contidos sobre patrimonio inmaterial e antropoloxía e a proposta complétase co barroco, a idade media e o asociacionismo rural

Fene, 15 de decembro de 2023. A poucos días do comezo do nadal Mazarelos comparte coas súas seguidoras o novo número da súa revista. O duodécimo, que pecha o cuarto ano de existencia da publicación, conta na capa cunha ilustración da artista ferrolá Blanca Vila, cun motivo axeitado ao mes no que nos atopamos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Arranca Rafael Quintía, antropólogo, economista e estudoso do patrimonio inmaterial, cun artigo que atrapa a atención da lectora: “Sacauntos e chupasangues: os mitos dos secuestradores de nenos na cultura galega”. Continuamos con Francisco Bermúdez e a súa visión da transmisión da música tradicional galega, convidándonos a repensar o modelo partindo da teoría do coñecemento.

Segue Laura Rodríguez cun artigo que pivota arredor da aristócrata Ilduara Eriz (ss. IX e X) poñendo o foco sobre os espazos que ocuparon as mulleres na Idade Media. Logo Luis Bermúdez achéganos ao escultor barroco Francisco Rodríguez Gómez a través dalgúns exemplos de obras que desenvolveu na comarca de Bergantiños.

A entrevista deste número está protagonizada por Zósimo López (USC) e Íñigo Sánchez-Fuarros (CSIC), dúas persoas que dedicaron parte das súas investigacións ao mundo da verbena e das festas, tanto desde o punto de vista material como inmaterial.

Pecha o número o clásico artigo dedicado a unha asociación do país. Neste caso Alexandre Varela preséntanos a Asociación Cultural O Carballo de Taboada, da que el forma parte. No texto amósanos o percorrido da entidade desde o seu nacemento (1985) ata os nosos días.

Todas as persoas que o desexen poden mercar un exemplar da revista na web tenda.mazararelos.gal e nos puntos de venda habituais.