En primeiro lugar levarase a cabo a fase de selección previa dos viños antes da cata final

Dende hoxe e ata o venres 11, celebrarase o evento en Santiago de Compostela

Un grupo conformado por 12 expertos catadores de diferentes ámbitos serán os encargados de cualificar os viños nunha cata a cegas

No caso da cata de augardentes e licores, oito expertos serán os panelistas desta categoría

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, presidiu esta mañá a inauguración en Santiago de Compostela da edición 2021 das Catas dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia. Un evento que organizan a Xunta, a través da Consellería de Medio Rural, e os Consellos reguladores, con fin de promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.

Unha vez finalizada a recollida de mostras o pasado 24 de maio, os viños pasarán dende hoxe ata o mércores 9 pola fase de selección previa antes da cata final, que se celebrará o 10 e 11 deste mes. No caso das augardentes e licores tradicionais, a cata final será o venres 11 á tarde.

Un grupo conformado por 12 expertos catadores de diferentes ámbitos (asociacións, centros tecnolóxicos e científicos do sector vitivinícola, adegas e viñotecas), xunto con xornalistas especializados en viños, serán os encargados de cualificar os viños nunha cata a cegas da que sairán os gañadores do concurso. Na cata de augardentes e licores, oito expertos serán os panelistas en cuestión desta categoría.

O xurado encargado da supervisión de todo o proceso da cata estará integrado por un secretario, membro do persoal da Área de Calidade Alimentaria da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), e como vogais, asistirán representantes dos consellos reguladores e membros do Departamento de Promoción da Calidade Alimentaria da Agacal.

A recollida de mostras, realizada tamén por Agacal en colaboración cos Consellos reguladores de viños e augardentes de Galicia, efectuouse con tódalas garantías de seriedade e rigor e asegurando en todo momento o anonimato das marcas participantes. Esta colaboración manterase durante toda a semana, na que o persoal dos Consellos participará no proceso de cata e no reconto das puntuacións, así como auxiliando aos catadores en todo momento.

En total, recolléronse 413 mostras de viños procedentes de 169 adegas das denominacións de orixe vitivinícolas e indicacións xeográficas protexidas galegas, ademais de 27 mostras procedentes de 11 industrias da indicación xeográfica de Augardentes e licores tradicionais de Galicia. Coma noutros anos, son máis as mostras de viños branco recompiladas (284) que duplican de lonxe as mostras de viño tinto (129). Con respecto ás augardentes e licores tradicionais, hai un total de 32 mostras inscritas repartidas da seguinte forma: 9 de augardente, 8 de licor de herbas e 10 de licor café.