Comunicado do PsdeG-Psoe trala renuncia de Manuel Baltar a ser candidato á presidencia da deputación de Ourense

O PSdeG-PSOE destaca que a renuncia de Baltar é froito dunha “labor de minuciosa fiscalización e prolixa denuncia” realizada durante os últimos catro anos e tamén polos grupos socialistas anteriores

“Non nos conformamos con esta dimisión, xa que Manuel Baltar é a punta do iceberg dunha gran trama política que ocupa a nosa provincia desde hai tres décadas”, afirman

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 14 de xuño de 2023. O PSdeG-PSOE destaca que a renuncia de Manuel Baltar a ser candidato á presidencia da Deputación Provincial para o mandato 2023-2027, é froito dunha “labor de minuciosa fiscalización e prolixa denuncia” da “grave e extensa trama corrupta que o Partido Popular de Ourense mantén na provincia”, un traballo coral realizado “minuciosamente” como formación líder da oposición durante os últimos catro anos e tamén polos grupos socialistas das corporacións anteriores.

Sen embargo, para os e as socialistas esta renuncia non é dabondo. “Non nos conformamos con esta dimisión, xa que Manuel Baltar é a punta do iceberg dunha gran trama política dese partido que ocupa a provincia desde hai tres décadas e que debe ser retirada do poder de inmediato”, afirman antes de destacar que “a permanencia de Baltar na presidencia do PP permitiríalle seguir a manexar os fíos da deputación e doutras entidades locais desde as sombras”, unha situación que cualifican de “perversa” e “indesexable”.

Para o PSdeG-PSOE a decisión anunciada hoxe “unicamente é unha retirada a medias” que “de non ser completa, o que implica a saída do Partido Popular da presidencia da institución, non permitiría devolver a democracia plena á provincia”. Os e as socialistas aseveran que “non van admitir cambios de cromos” no que definen como un “intento á desesperada do PP de Ourense e do baltarismo para manter a deputación e parte do seu poder territorial dentro das evidentes trifulcas internas dos populares”.

Desde o PSdeG-PSOE rematan reclamando a Baltar que, unha vez comunicada publicamente a súa marcha, seguramente cara algún posto de consolación, se absteña de realizar calquera cambio de calado, adxudicación, licitación ou concesión de diñeiro público nas semanas que restan, ata a constitución da próxima corporación da Deputación.

“Esta mesma semana o goberno de Baltar adxudicou a dedo aos seus amigos, amigas e afíns do PP de Ourense uns 700.000 euros, baltaristas aos que pretende deixar ao mando da Deputación para que, en realidade, nada cambie”, advirten antes de sinalar que “todas as decisións adoptadas polo presidente saínte e polo PP na institución provincial están baixo sospeita e deben ser auditadas canto antes”, conclúen.