Acisclo Manzano rende homenaxe á Ribeira Sacra cos seus “Eremitas” de Arxila

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A exposición do escultor ourensán foi inaugurada hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación  

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 15 de decembro de 2023.- Baixo o título xenérico de “Eremitas”, o escultor ourensán Acisclo Manzano rende unha persoal homenaxe á Ribeira Sacra cunha exposición no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, que foi inaugurada esta tarde polo vicepresidente segundo do goberno provincial, César Fernández.  

Acisclo lembra e interpreta dende a súa visión plástica a figura de Eufrasio, Eusano, Quinedo, Eato, Flavio e Rvve. Trátase de seis persoeiros aos que fai alusión unha lápida do ano 573 que en San Pedro de Rocas sinalaba que recibían ese lugar en “herdanza”. A historia fala de seis homes que herdan un espazo sagrado, herdanza que nos indica que antes deles existiron outros e tras eles algúns máis. 

O recoñecido escultor ourensán sinala que Eremitas é “unha homenaxe aos homes e ás mulleres que, por distintos motivos, decidiron perderse no deserto verde daquela ribeira á que o Pai Yepes bautizou como Ribeira Sagrada”. 

Cada un dos seis eremitas está representado por unha escultura individual, á que se engade un mosaico en barro policromado. A exposición tamén reproduce a lápida atopada en San Pedro de Rocas, que se garda no Museo Arqueolóxico de Ourense e está considerado como “o máis insigne monumento epigráfico do cristianismo na nosa provincia”. 

César Fernández salientou de maneira especial o apoio da Deputación á cultura provincial nas súas diferentes manifestacións e puxo en valor o singular compromiso de Acisclo Manzano con San Pedro de Rocas e o seu simbolismo.