Unha delegación formada por 30 persoas representará ao PP de Ourense na Convención Nacional de Valencia

Manuel Baltar subliñou a importancia dunha cita “na que o PP de Ourense vai contribuír á construción dunha  alternativa de goberno nas próximas eleccións xerais”

O presidente do PP, Pablo Casado, felicitou a Manuel Baltar pola súa elección como presidente provincial co 99,24 % de apoio dos compromisarios

AVANTAR ACTIVIDADES

A nova xunta directiva do Partido Popular de Ourense, baixo a presidencia do recen nomeado presidente Manuel Baltar, celebrou hoxe por vía telemática a súa primeira reunión, na que se nomearon aos delegados que, xunto cos membros natos, representarán á provincia na convención nacional que esta fin de semana celébrase en Valencia. Unha cita que comezou onte luns en Santiago de Compostela, nun conclave itinerante ao que acudiu o presidente do PP, Pablo Casado, que felicitou a Manuel Baltar pola súa elección co 99,24 % de apoio dos compromisarios.

A delegación ourensá estará integrada por 30 persoas, entre as que figuran os representantes designados pola xunta directiva provincial e os membros natos, entre os que se atopan cargos do partido e institucionais.

Manuel Baltar subliñou a importancia da convención de Valencia, “na que o PP de Ourense vai contribuír  á construción dunha  alternativa de goberno nas próximas eleccións xerais, nunha España na que urxe un cambio que os populares queremos alcanzar da man da sociedade”. O primeiro paso, dixo, “foi a demostración de unidade e estabilidade que os nosos militantes deron no 18º Congreso Provincial do domingo, e o segundo vai ser a consecución do mellor mellor resultado histórico da nosa formación nunhas municipais, gañando en todos os concellos, na entidade menor de Berán e por suposto na Deputación”.

No medio deste proceso, destacou, “imos rearmar un proxecto político destinado a gobernar con Pablo Casado á fronte, recollendo a visión que a medio e longo prazo expuxeron os relatores en Santiago”, referíndose así á Convención Nacional que o PP celebrou onte no hotel monumento San Francisco da capital galega, no inicio dun conclave itinerante que rematará esta fin de semana en Valencia, e no que participaron o presidente popular nacional, Pablo Casado, o expresidente Mariano Rajoy, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e o vicepresidente da Comisión Europea e comisario Margaritis Shinas.

A competitividade empresarial, o emprego,  a solidariedade e sustentablidade foron os temas abordados en varias mesas redondas por exministros populares, presidentes de fundacións e representantes de entidades económicas e sindicais, no primeiro dos cinco encontros programados para esta semana, hoxe en Valladolid e posteriormente en Madrid, Sevilla e Cartaxena e que, baixo o lema “Creemos”, constitúen o prólogo da Convención Nacional que os populares celebrarán esta fin de semana en Valencia.