Conmemoración do centenario da IV asemblea nacionalista das Irmandades da fala en Monforte de Lemos

A xornada está coorganizada polo Consello da Cultura Galega, a Fundación Otero Pedrayo e a Fundación Vicente Risco.

O acto terá lugar ao longo de toda a xornada do sábado 19/02/2022 na Casa da Cultura “Poeta Lois Pereiro” de Monforte.

AVANTAR ACTIVIDADES

A xornada está coordinada pola profesora e poeta Olga Novo Presa, a secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias Chachero, e o secretario da Fundación Vicente Risco, Xosé Rodríguez Díaz.

A inauguración correrá a cargo de Rosario Álvarez Blanco, presidenta do Consello da Cultura Galega,  Celia Pereira Porto, presidenta da Fundación Vicente Risco, José Eduardo López Pereira, presidente da Fundación Otero Pedrayo, Tareixa Antía Ferreiro Tallón, vicepresidenta da Deputación de Lugo e responsábel da área de cultura, patrimonio histórico artístico e normalización lingüística e Marina Mª Doutón Rajo, concelleira de Cultura do Concello de Monforte de Lemos.

“Seguimos soñando o futuro continuando o camiño que abriron estes xigantes da cultura hai cen anos, entre os que tivo un papel destacado Vicente Risco”, resaltou a presidenta da FVR, Celia Pereira Porto.

“Vai ser unha xornada fermosa á que está convidada toda a cidadanía, mesmo as crianzas, que son a realidade dese futuro anhelado”, engadiu Celia Pereira Porto.

O acto constará dunha parte científico-divulgativa, a cargo dos reputados expertos Raúl Soutelo Vázquez, Xurxo Ayán Vila, Emilio Xosé Insua e Aurora Marco López, dirixida a toda a sociedade monfortina e galega, e dunha parte lúdico-festiva, que inclúe obradoiros e xogos para crianzas e unha lectura pública de textos dos autores presentes no acto que se conmemora. Toda a información sobre o programa de actos pódese consultar na seguinte ligazón:

http://consellodacultura.gal/evento.php?id=201236

“Para nós é unha honra colaborar co Consello da Cultura Galega e a Fundación irmá Otero Pedrayo na organización desta significada conmemoración e debemos agradecer a colaboración prestada, tanto pola Área de Cultura da Deputación de Lugo como do propio Concello de Monforte, que 100 anos despois volve ser o anfitrión do acto. Tamén queremos agradecer á Bela Auria a súa axuda”, manifestou Celia Pereira Porto, engadindo que “debemos dar os parabéns ás tres persoas que coordinaron esta xornada, Olga Novo Presa, Patricia Arias Chachero e Xosé Rodríguez Díaz, e agradecerlle o seu intenso e desinteresado traballo”.

Deixou dito Vicente Risco que  «ningún pobo pode nin debe vivir para el só, senón que ten que vivir para os demais pobos da terra, ten que vivir na comunidade da cultura universal». Sigamos, ben afirmadas na nosa condición de pobo galego, soñando un futuro de pobos libres que convivan na comunidade da cultura universal.