Gonzalo Caballero urxe á Xunta dende Celanova a que “revitalice o rural” con servizos públicos, infraestruturas e políticas de emprego

A alcaldesa de Ramirás censura que a Xunta “non pague o que ten que pagar” polo Servizo de Axuda no Fogar

Publicidade

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo con responsables socialistas en Celanova e na bisbarra, entre os que se atopaban a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil, así como o secretario provincial, Rafael R. Villarino, e os deputados Juan Carlos Francisco e Marina Ortega.

Dende alí, o máximo dirixente do PSdeG instou ao goberno galego a “revitalizar a Galicia rural” con servizos públicos, infraestruturas e medidas para fomentar o emprego.

“Queremos unha Xunta do benestar”, reivindicou Gonzalo Caballero ao incidir en que “é necesario dar calidade de vida tamén ás bisbarras do interior de Galicia”. “Os servizos sociais son un dereito, non se poden entender coma unha xenerosidade por parte do goberno galego”, remarcou.

Nesta liña, o líder das e dos socialistas galegos subliñou que o goberno de Feijóo leva “12 anos de debilitamento dos servizos públicos”. É o caso, afondou, da sanidade, na que “retrocedemos máis coa pandemia”, o que orixinou máis demoras nas listas de agarda das intervencións cirúrxicas, na atención por parte de especialistas ou incluso no médico de familia.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero criticou “o nivel de retroceso importante” nos servizos sociais cando Galicia está “á cola de España” en gasto en servizos sociais por habitante e dispón de menos traballadores neste ámbito que a media de España.

ISABEL GIL, ALCALDESA DE RAMIRÁS

“Estamos desatendidos en asistencia social, no Servizo de Axuda no Fogar e no sistema sanitario”, denunciou a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil, quen instou ao goberno galego a “potenciar” a Atención Primaria.

Ademais, a rexedora socialista reivindicou o papel dos municipios na financiación do SAF. “Temos orzamentos baixísimos, pero investimos moito en asistencia social”, contrastou coa actitude da Xunta.

“É grave que a Xunta non pague o mínimo que ten que pagar polo SAF e que o teñamos que poñer suplementariamente os concellos”, sentenciou.

Finalmente, Gil censurou a política do goberno galego con respecto ao rural cando “o están a machacar”. “O de potenciar o rural é unha milonga, é de boquilla; en realidade, a Xunta estanos facendo un dano tremendo”, concluíu.