As seleccións de España, Croacia e Exipto de balonmán xogarán en Ourense o 28 e 29 de xuño

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Bruno López Molia (Presidente da Federación Galega de Balonmán) acompañados de Bernardino González Vázquez (Asesor deportes da Deputación Ourense).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse hoxe no Pazo Provincial co presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, e co asesor de Deportes do goberno provincial, Bernardino González, para analizar os detalles organizativos do torneo “Ourense Provincial Termal” de balonmán, que disputarán na capital ourensá as seleccións absolutas de España e Exipto o vindeiro 29 de xuño no Pazo dos Deportes “Paco Paz”. Na xornada previa ao torneo, tamén haberá balonmán do máis alto nivel en Ourense coa disputa do partido entre as seleccións de Croacia e Exipto. 

Este torneo, en opinión do presidente Baltar, “situará a Ourense como escenario do mellor balonmán mundial, co que iso significa para crear afección, promover o deporte e promocionar a nosa provincia”, e lembra que Ourense tamén será candidata a ser unha das catro sedes españolas para acoller o Campionato de Europa Absoluto Masculino de Balonmán 2028, que se disputará en España e Portugal. “Son grandes noticias para este deporte en Ourense, un territorio deportivo por excelencia, que conta cun dos pavillóns polideportivos máis importantes de Galicia, o “Paco Paz”, destaca Baltar. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Os “Hispanos” comezan así a súa preparación para os xogos olímpicos de Tokyo, cunha concentración en Galicia, na que se celebrarán varios partidos, sendo Ourense unha das sedes. Veñen de lograr o bronce no Mundial de Exipto e contan no equipo cun xogador galego, Rodrigo Corrales. 

Bruno López quixo agradecer a magnífica disposición da Deputación de Ourense neste e noutros proxectos, “xa que ambas institucións están a traballar de forma decidida para que, xunto aos clubs da provincia, o balonmán siga medrando”, expresou.