Manuel Baltar e Alfonso Rueda participaron na presentación das actividades de turismo activo, deporte e natureza que acollerá a estación de montaña desde esta fin de semana, que se suman ao bike park 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe xunto ao vicepresidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda na presentación das actividades que acollerá desde a próxima fin de semana a estación de montaña de Manzaneda para ofrecer este verán unha proposta alternativa de turismo activo, deporte e de natureza que axudará a desestacionalizar a oferta turística do complexo e atraer visitantes durante todo o ano e non só na tempada de neve na estación de esquí. Ao acto tamén asistiron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández; o tenente de alcalde da Pobra de Trives, Miguel Sierra, e Albert Montaner, responsable de Artabria Turismo, a empresa que xestiona a estación de montaña. 

O presidente do goberno provincial confirmou “o apoio incuestionable” da Deputación de Ourense na nova etapa de MEISA, dando, conxuntamente coa Xunta de Galicia “un pulo definitivo a unha instalación que é referente en Galicia e no norte de Portugal”, e fala de Manzaneda “como a estación de ocio de Galicia” e avoga por unha xestión chea de obxectivos por parte de la Artabia Turismo “na que a desestacionalización cobra especial relevancia. O deporte, as familias, a natureza e o medio ambiente son palabras que forman parte do vocabulario de Manzaneda nesta nova etapa marcada tamén pola pandemia, pero na que hai unha determinación por parte de todas as administracións para que repunte como un polo de atracción turística e social”. 

Manuel Baltar remarca que Manzaneda “é Ourense, Galicia e o norte de Portugal. Logo de equipar á estación cos máis modernos canóns de neve, afrontando Xunta e Deputación o investimento máis elevado da súa historia recente, a asignatura seguinte é encher de vida Manzaneda todos os días do ano; para elo, as actividades planificadas pola nova xestora, xunto con eventos ao aire libre, musicais e de todo tipo, van supoñer un punto e aparte na xestión e na relevancia que terán para o resto de Galicia estas instalacións únicas, cuxo obxectivo é a rendabilidade económica e social”, expresa o presidente da Deputación de Ourense. 

Novas actividades 

Esta fin de semana incorporaranse outras actividades como unha tirolina xigante de 250 metros, un parque multiaventura, xogos tradicionais, cintas slackline, circuítos de orientación e tiro con arco. Para desfrutar das paisaxes e o entorno natural que ofrece Manzaneda tamén se poderá usar o telesilla turístico ou realizar rutas de sendeirismo e marcha nórdica. A curto prazo prevese que se sumen a esta oferta o paintball e rutas a cabalo. Tamén se poderá facer uso das instalacións deportivas como a piscina ou o pavillón deportivo ou desfrutar do circuíto termal no spa. 

Alfonso Rueda incidiu en que estas actividades e as que se vaian incorporando “permitirán promocionar e posicionar Manzaneda como destino turístico” e engadiu que esta proposta “adaptase perfectamente ao novo modelo de turismo sustentable polo que aposta a Xunta, que se está a demandar cada vez máis no escenario postpandemia e no que Galicia parte con vantaxe. É dicir, espazos abertos e en contacto coa natureza e un turismo tranquilo. Neste caso, ofrécese a opción de combinar a práctica deportiva ao aire libre coa actividade turística e desfrutar da natureza, que é o primeiro motivo polo que os turistas escollen Galicia”. 

Por iso, o vicepresidente da Xunta considera que iniciativas deste tipo que aposten polo turismo activo “actuarán como reclamo para atraer visitantes e contribuirán a afianzar Galicia como destino de natureza e deporte”. A Xunta tamén traballa no reforzo de Galicia como destino seguro e de calidade e a comunidade está preparada para recibir a turistas e peregrinos neste Xacobeo 21-22. Nesta liña, o goberno galego puxo en marcha medidas como o seguro coronavirus para recuperar a confianza dos viaxeiros e ofrecerlles un plus de tranquilidade ao ter os gastos cubertos en caso de que teñan que prolongar a súa estancia por un caso de infección por coronavirus ou corentena.