O PSdeG-PSOE cualifica o anuncio de Jácome sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) –no que o alcalde sinalaba que viña de dar orde ao Servizo de Planeamento Urbanístico para completar o expediente e proceder á súa aprobación en sede plenaria– de “brinde ao sol” e adianta que esixirá a convocatoria urxente da comisión de seguemento correspondente, actualmente “paralizada”. Neste sentido, os socialistas aféanlle ao alcalde que pretenda levar adiante un PXOM cheo de “pelotazos” e adiantan que solicitarán coñecer en detalle as modificacións en “aspectos dotacionais e na redistribución de aproveitamentos estratéxicos na cidade” ás cales aludiu o rexedor no seu comunicado de onte.

“Nós xa dixemos na comisión de xaneiro que a única base para un acordo de aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal deste concello pasaba por aprobar o PXOM inicial de 2013 coas modificacións trala exposición pública e as adaptacións legais correspondentes”, aclarou a concelleira socialista Natalia González. “Logo sentaremos a falar das providencias de Cudeiro, nas que se fixeron modificacións substanciais, e das liñas vermellas de Jácome, que eran o rañaceos de Mariñamansa e a supresión dunha das Torres do Miño, para os que pedimos informes de viabilidade e impacto económico dos que a día de hoxe, carecemos”, sinalou.

Deste xeito, a socialista lembrou que “o propio alcalde falaba do plan aprobado provisionalmente polo PP en xuño de 2019 como un documento cheo de pelotazos, que agora comparte e ao que pretende engadir modificacións que sospeitamos que responden aos seus intereses persoais e non ao interese público da veciñanza”.

Así as cousas, dende o grupo municipal socialista acusan ao PP de ser “cómplices” das “manobras” do alcalde para usurpar o debate e obstaculizar o labor da oposición, ao tempo que esixen “responsabilidade política e altura de miras” para evitar outro “cambiazo” como o acontecido co PXOM de 2003 aprobado polo PP, un documento que fora aprobado polo goberno de Manuel Cabezas e tombado polo TSXG con nove sentenzas de anulación, e que derivou na entrada en vigor do PXOU do ano 1986.

“Tanto o PP da cidade como o goberno autonómico ten que tomar cartas no asunto e non permitir que volva acontecer iso”, esixen os socialistas.