Noa Presas: “Verín é o sitio para reclamar que non poden ser as mulleres quen paguemos as crises e a vulneración dos servizos públicos”

  • Noa Presas apoia a concentración convocada no Hospital de Verín: “teñen cabida como reforzo do sistema sanitario. Aquí non sobra ninguén”
  • A formación nacionalista visitou o Centro de Día “A Raiola” para coñecer de primeira man a situación dos familiares das usuarias neste temo de peche e incerteza

AUDIO DE NOA PRESAS

Publicidade

A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, e o tenente alcalde de Verín, Diego Lourenzo, mantiveron un encontro coa directora do Centro de día “A Raiola” e familiares das usuarias para avaliar a situación pola que atravesan tras as últimas declaracións do presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo. A candidata ao Parlamento destacou que as mulleres non poden volver a ser as que paguen as crises económicas deixando de lado as súas vidas e dedicándose ao coidado de maiores e crianzas.

“É unha situación que entendemos que é moi grave. A Xunta de Galiza está sendo irracional e o anuncio de onte de Feijóo foi vender fume e colocarse un parche autoexculpatorio” comezou Presas despois da reunión mantida coas familiares das usuarias. “A día de hoxe non hai un plan de desescalada mentres que en maio xa había un pactado co sector e a Xunta desdiciuse das súas propias previsión” apuntou a candidata do BNG.

Para a formación nacionalista precísanse plans de desescalada máis ambicioso e que vaian máis alá das cuestións estéticas, así como que se permita unha apertura dos Centros de día “que sexa gradual e á medida” onde “a Xunta teña un papel activo para apoiar ao sector”. A candidata do BNG lembrou que a Xunta de Galiza “abandonou durante toda a crise da pandemia a estes centros”.

“Isto ten que supoñer, ademais de respiro familiar e alivio para todas as persoas coidadoras, que se garante a atención tan importante que precisan os nosos maiores” afirmou Noa Presas. Non se esquece de obviar a realidade posto que moitas das usuarias dos Centros de día precisan tratamentos terapéuticos específicos e atención permanente. Se se continúa co peche dos centros de día “suporán un deterioro na súa saúde e na súa calidade de vida que non podemos permitir” alertou Presas.

Desde o BNG volveron reclamar unha corrección inmediata da decisión da Xunta de continuar cos centros pechados e rexeitaron a opción anunciada por Feijóo de pedir cita previa para acudir aos centros. ”A Xunta ten que facer unha desescalada planificada e dialogada co sector” reforzou a idea.

O papel do muller nas crises económicas

“Aquí reivindicamos hai uns poucos meses que a sala de partos non se podía pechar, fomos as mulleres quen lideramos esa loita e o feminismo estivo moi presente” lembrou Presas durante a comparecencia. A isto sumóuselle a mobilización convocada polo feminismo galego para o 8M na vila de Verín focalizada na atención e nos coidados que maioritariamente son tarefas levadas a cabo polas mulleres. “Estamos vendo como esta situación redunda na saúde das mulleres que deixan a súa vida e os seus traballos para asumir 24 horas ao día a tarefa dos coidados” denunciou Noa.

A saúde do Hospital de Verín

Despois da xuntanza no Centro de día A Raiola, a cabeza de lista do BNG participou da concentración convocada no Hospital Comarcal de Verín acompañada pola candidato e tenente de alcalde, Diego Lourenzo, e o candidato Eugenio Quintas. ”Entendemos que neste contexto de recuperación da actividade sanitaria, despois dos momentos máis intensos da crise do coronavirus, o que precisa o noso sistema sanitario é un reforzo de todo o persoal” defendeu a candidata. Continuo explicando que a cancelación das citas médicas precisa que se amplíen as horas de consulta “tanto na Atención Primaria como nas especialidades para corrixir estes meses de parón”.

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, concluíu que todas as persoas que foron contratadas durante o pico da COVID-19 “teñen cabida como reforzo do sistema sanitario. Aquí non sobra ninguén pero hai que respectar o pacto de contratación”. Nese sentido, o BNG entende que a Xunta non está respectando ese pacto por puro interese electoralista anunciando “que prorroga ás persoas contratadas para a crise do coronavirus”.