Nota da Fruga: “O control do lobo non pode ficar en maos de entidades privadas de caza”

Desde a FRUGA coincidimos coa conselleira de Medio Ambiente en que os sectores gandeiros teñen que ter unha especial protección perante os danos causados pola fauna silvestre.

Publicidade

O Boletín Oficial do Estado de 21 de setembro ven de publicar a Orde que modifica a Listaxe de Especies Silvestres en Rexíme de Protección Especial e do Catálogo Español de Especies Ameazada, onde se inclúe o lobo na Listaxe Especies Silvestres en Rexíme de Protección Especial (Lespre), polo que fica prohibida a súa caza.

Desde a Federación Rural Galega – FRUGA coincidimos coa posición defendida pola señora conselleira de Medio Ambiente en reivindicar capacidade para lograr un equilibrio entre a actividade agropecuaria e a prevención do lobo, mas no que non podemos estar de acordo é que para chegar a este equilibrio se pretenda delegar a súas competencias nas entidades privadas de caza, cando estas entidades están organizadas para practicar unha afición que comparten, e polo tanto non teñen entre os seus cometidos responsabilidades que competen exclusivamente ás administracións, polo que non parece serio pretender facer recaer sobre elas a responsabilidade de manter o desexado equilibrio.

Reiteramos novamente que pretender facer recaer sobre as sociedades de caza o control do lobo pode polarizar aínda máis a sociedade entre defensores e detractores da caza, cousa que unha gobernante ou dirixente nunca pode, nin debe facer. Desde a FRUGA queremos facer un chamamento para non caer nesta trampa e procuremos puntos de encontro, partindo de que os custes da conservación do lobo non pode recaer sobre as costas dos sectores gandeiros, senón que terá de ser responsabilidade de toda a sociedade.

A consecuencia de deixar de considerar ao lobo como especie cinexética é que as administracións, tanto galega como estatal, se responsabilizan do control necesario, así como da adopción das medidas necesarias para facer fronte aos danos causados, e é iso o que ven a significar a inclusión desta especie na Listaxe de Especies Silvestres en Rexíme de Protección Especial (Lespre). A sua inclusión neste listado non quere dicir que non se podan realizar controis da súa poboación alí onde se considere preciso. Por todo iso desde FRUGA demandamos da Consellería de Medio Ambiente que asuma as responsabilidades que lle corresponden neste asunto e non faga deixación das súas funcións.

Apoiaremos á conselleira Angeles Vázquez perante o goberno español na demanda de contar con mais medios económicos, técnicos e humanos para levar a cabo o control desta especie, así como para facer fronte aos danos causado, mas tamén lle demandaremos maiores medidas de control de toda a fauna silvestre que está a afectar a todos os sectores produtivos agropecuarios que son da súa responsabilidade e a non facer deixación da súas funcións trasladando-llas ás sociedades de caza..