Ribadavia mantén ata finais de ano unha axuda de renda básica para as familias máis necesitadas

A axuda económica do Concello é mensual e está aberta durante todo o ano. Son 28 fogares que se están a beneficiar neste momento grazas a estas axudas.
É a primeira vez que existe en Ribadavia esta axuda e con esta duración importante, de xuño a decembro,  co obxectivo de complementar os recursos e prestacións para a cobertura das necesidades básicas de alimentación, hixiene, farmacia, vestimenta, e pago de aluguer, luz e auga.

As Axudas sociais do Concello son compatibles coas demais axudas de outras Administracións, e foron creadas para cubrir á toda a poboación con necesidades. De feito, están pensadas para complementar e mellorar as axudas sociais percibidas desde o Estado e a Xunta, ademais de incluír a todos os fogares excluídos da “tarxeta moedeiro” da Xunta.

FESTAS EN RIBADAVIA

Mentres que actualmente a Tarxeta Moedeiro da Xunta beneficia a 27 fogares, a do Concello de Ribadavia está neste momento axudando a 28 fogares, dos cales 4  son de 4 ou máis membros, 3 de 3 membros, 20 de un único membro, e 1 de 2 membros.

Desde o goberno local valoran con moita satisfacción que estas axudas consigan cubrir as necesidades básicas destes fogares como comida, vestimenta, aluguer, ou recibo luz e auga. Máis se cabe nestes tempos de record na factura da luz con un claro abuso por parte das Compañías eléctricas e do mercado enerxético.


Desde o goberno queren poñer en coñecemento da sociedade a existencia desta axuda, xa que teñen orzamentado 20.000 euros e estiman que poderán chegar aínda a máis xente antes de rematar o ano. Desde o Concello teñen dispoñible o departamento de servizos sociais para atender a posibles novos beneficiarios desta axuda.