O PSOE de Punxín detecta irregularidades nas obras da área termal do Bañiño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Punxín alerta dun “cambiazo” nas obras que se están levando a cabo na área termal do Bañiño e que non se axustan ao proxecto inicial. As e os socialistas consideran que esta situación pode provocar a perda da subvención da Xunta de Galicia para esta actuación, xa que o que se está realizando non viña contemplado no proxecto inicial de obra. Dende o grupo municipal socialista poñen o foco en que os permisos solicitados para realizar estas obras na área termal “tampouco se axustan ao proxecto” e recalcan que o concello “non ten notificación do cambio do proxecto”. Neste senso as edís socialistas subliñan que “os cambios son evidentes, como se poden comprobar ao achegarse a zona e non cadran co que viña reflexado no proxecto da obra”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, sinala que “o formigón, que non aparecía por ningunha parte no proxecto inicial, está agora por todas partes”. A isto súmase, tal e como apunta a edil socialista “a construción dunha caseta que non figuraba nese proxecto inicial e o formigonado dunha superficie  que no proxecto figuraba en terra”. Peleteiro Vázquez apunta a que as obras amosan unha “nova chapuza” na área termal do Bañiño, xa que segundo apuntan “non aportan solucións a problemática que se vive na zona”. A concelleira socialista pon o foco nas obras de canalización, xa que tal e como apunta “vese perfectamente que non van ser efectivas, pois a área termal segue totalmente encharcada e non soluciona esta grave problemática”.

Asemade, as concelleiras socialistas consideran que as obras “non se corresponden para nada co proxecto defendido polo PSdeG-PSOE” e sinalan que “nós creemos e apostamos por un proxecto máis ambicioso para a área termal do Bañiño, xa que consideramos necesario recuperar o proxecto que xa existe e que o grupo de goberno gardou nun caixón”. Dende o Grupo Municipal Socialista finalizan afirmando que “se fagan obras, nós non nos imos opor a iso, pero obras que se adapten ao que precisa Punxín”.