A Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 401 operativos de control na provincia na última semana

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu esta mañá a reunión do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. No encontro, celebrado na Subdelegación do Goberno, participaron responsables da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, da Policía Local de Ourense e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

Publicidade

Durante a reunión, as forzas e corpos de seguridade fixeron balance das actuacións levadas a cabo desde o pasado xoves para vixiar o cumprimento das medidas aprobadas polo Goberno autonómico. En total, do 15 ao 21 de abril a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 401 controis e 143 inspeccións en establecementos de hostalaría. Nos dispositivos identificouse a 1.738 persoas, controláronse 1.323 vehículos e eleváronse 130 propostas de sanción.

O subdelegado do Goberno indicou que os concellos de Cualedro e de Carballeda de Valdeorras continúan no nivel máximo de restricións decretado pola Xunta de Galicia e neles estableceranse operativos para controlar o peche perimetral. González Afonso lembrou que “a entrada e saída destes municipios só se pode realizar nos casos que contempla a normativa vixente”.

Do mesmo xeito, Emilio González anunciou que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado continuarán establecendo dispositivos de información e de vixilancia para garantir o cumprimento das normas establecidas pola Xunta de Galicia, en especial, no sector da hostalaría e no relativo ás modificacións adoptadas para mercados e nos recintos en que se desenvolvan atraccións de feira.

Por último, o subdelegado do Goberno destacou que a gran maioría da cidadanía ourensá continúa cumprindo coa normativa sanitaria, pero sinalou que “é fundamental seguir sendo prudentes e respectar as medidas vixentes, como o uso da máscara, a distancia interpersoal e a limitación de mobilidade en horario nocturno”.