V edición do premio Pedra Alta

IES CHAMOSO LAMAS

Concede o Padrado do Museo da Limia (Vilar de Santos) a persoas ou entidades, cuxa obra ou labor é capaz de proxectar unha pegada merecente de consideración nas Terras do Limia, ou fóra delas, se a súa a nacenza acontece neste territorio.

A Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia (Vilar de Santos), a proposta do seu Consello Asesor, na xunzanza celebrada hoxe, sábado día 22 de outubro, acordou concederlle o PREMIO PEDRA ALTA 2022, na súa V edición á Sociedade Galega de Historia Natural, sección Antela.

OZOCOgz Deseño Galego

Na Limia é necesario harmonizar un desenvolvemento económico sostible coa conservación dos valores ambientais que hai nela.

Os humanos somos un elemento máis do territorio e as súas actividades deben servirlles para mellorar a súa calidade de vida a súa saúde e mellorar economicamente. As persoas que hoxe habitamos neste entorno non podemos hipotecar o futuro dos que nos han de seguir. É una obriga manter un medio san e unha convivencia co entorno non agresiva. Valorar aquelas persoas, grupos ou entidades que son capaces de deseñar modelos compatibles co ambiente, e a súa vez respectar o desenvolvemento económico da comarca, eminentemente agrario e gandeiro é un dos obxectivos do Padroado do Museo da Limia. 

Na reunión extraordinaria  do Consello Asesor do Museo da Limia, tivo como un dos puntos da orde do día a elección da entidade, asociación ou persoa física que considera merecedora da concesión do premio anual Pedra Alta na súa 5ª edición.

Nunha valoración de partida e situándose en prioridades do momento actual: crisis climática, destrución dos hábitats, conservación dos recursos naturais limitados, …priorízase facer fincapé no recoñecemento da defensa da vida encadrada no medio no que nos desenvolvemos: A Limia. Esta Terra que coñece tan ben as agresións, as feridas e as cicatrices que deixan diferentes actuacións históricas e actuais sobre as persoas e o medio natural; debe recoñecer o valor do traballo, tanto de  persoas como grupos que están aí, defendendo o territorio, póndoo en valor, dando alternativas, suliñando que a mellor defensa da vida das persoas e manter en bo estado o medio no que se vive.

O Padroado, neste senso, ten onde escoller. E, nun acordo unánime e baseándose nun amplo abano de  valores,  considera que A SECCIÓN ANTELA pertencente a Sociedade Galega de Historia Natural será a merecedora de este recoñecemento.

Non é unha entidade nova, na súa historia, temos a creación inicial de O Grupo Ornitolóxico Galego que se constitúe como asociación legal no 1973, é o xerme da  SGHN con data de 7 de xuño de 1977. Como sinalan os seus estatutos ten como fins de actuación o estudo, defensa e conservación do medio natural e patrimonial antropolóxico da natureza galega e do noroeste Peninsular, como contribución á conservación deste patrimonio a nivel mundial.

A Sección Antela creouse como una necesidade, coñecendo a problemática ambiental da Limia, o 2 de febreiro de 2011, coincidindo coa celebración do día internacional dos humedais e a conmemoración do 40 aniversario da Convención de Ramsar. Xurde co propósito de traballar dentro dun ámbito territorial específico: a comarca de A Limia, onde se atopaba, ata a súa desecación, a Lagoa de Antela. Os seus fins están recollidos nos seus estatutos que ten como obxectivos básicos:

Coñecer, divulgar e salvagardar os valores naturais e tradicionais da comarca de A Limia, así como buscar a oportunidade de potencialos.

Compatibilizar a recuperación de humidais e zonas marxinais de A Limia coa explotación agro-gandeira sostible, sen afeccións negativas aos sectores económicos produtivos.

Son once anos de intenso traballo na Limia, dun traballo arduo, sacrificado; no que non se busca un recoñecemento persoal, onde hai dedicación altruísta, voluntariado, con emprego das horas de descanso, do seu tempo libre ou das súas vacacións. As veces con custes económicos persoais importantes. Son persoas, homes e mulleres, que a súa satisfacción é ver resultados: hábitats recuperados, natureza viva, conservación de especies no límite da súa supervivencia, conseguir facer compatible sectores económicos fundamentais da comarca con un  medio natural equilibrado.

Marcando directrices están un grupo pequeno de persoas cunha formación científica moi recoñecida, que orientan a un grupo importante de voluntarios para traballar e conseguir obxectivos. Sempre na súa idea base está deseñar modelos que fagan compatible os sectores agrarios, gandeiros e empresariais da comarca, cunha Limia viva. Hai diálogo, información, achega de acordos coas persoas que pertencen a estes sectores e as recuperacións que se están a facer.

Hai exemplos: Recuperouse (cantas tm de lixo foron extraídas de aquí!),  unha zona húmida dunhas 20 hectáreas, na zona marxinal da antiga Lagoa de Antela, A Veiga de Gomareite, con un uso necesario da gandería extensiva e colaboración con gandeiros. Hoxe é realidade, e despois duns poucos anos convértese en zona de paso ou permanencia de máis de 30 especies diferentes de aves, hábitat de varias especies de anfibios, algúns nas listas vulnerables de supervivencia, acolle, con outras zonas da Limia, o hábitat dunha planta singular como é o pequeno cardo Eryngium viviparum (só na Limia máis do 90% da poboación mundial), un crustáceo,  Lepidurus apus, un fósil vivinte. Este é un modelo de compatibilidade harmónico.

Formación dun espazo húmido estacional, O Humidal Antonio Villarino, en Vilaseca, no que hoxe é albergue de máis de 10 especies de interese. Nas marxes colaboración con agricultores para obter tamén eles un beneficio, derivando os asolagamentos primaverais nas súas parcelas cara ao humedal.

Recuperación de zonas húmidas para ser hoxe un medio axeitado de numerosas especies na zona de explotación mineira como son as areeiras da Limia. Colaborando co sector empresarial e dobre beneficio, o sector económico e o medio.

Realización de estudos científicos sobre fauna e flora da comarca, realización de censos anuais e periódicos de diferentes aves para coñecer a saúde ambiental da Limia.

Tantas charlas, tantos percorridos informativos, tantas conferencias, tanta labor en centros de ensino, todo para mostrar in situ os beneficios das explotacións sostibles co medio natural.

Estes son os valores das mulleres e homes que están a traballar dentro da organización da Sección Antela da SGHN, que o Consello Asesor do Museo considera que debe ser merecedor do recoñecemento co premio Pedra Alta do ano 2022 na súa 5ª edición.

[A entrega do galardón, unha réplica en granito da Pedra Alta (aportación altruísta do noso escultor Xosé Lois Carreira) acompañada dun diploma acreditativo, diseñado por Manolo Seoane e Lola Peláez, terá lugar nun acto público solemne que se celebrará no Museo da Limia (Vilar de Santos), o vindeiro sábado día 26 de novembro. Como vén sendo habitual o acompañamento musical correrá a cargo do pianista Luis Humberto Cao e do tenor Baldomero Pavón. A xornada festiva concluirá cun xantar (un cocido limiao), custeado polos asistentes que decidan acompañarnos]