A Feira do Viño do Ribeiro terá unha versión virtual

A FEIRA DO VIÑO DO RIBEIRO PREPARA UNHA FIN DE SEMANA “VIRTUAL” DE ACTIVIDADE RELACIONADA CO VIÑO DO RIBEIRO

Publicidade

A organización da Feira do Viño do Ribeiro (Concello de Ribadavia e CRDO Ribeiro) comunica que para a vindeira fin de semana (1, 2 e 3 de maio de 2020) terá lugar nas redes sociais, un evento denominado “Feira do Viño do Ribeiro Virtual” que pretende adicar a fin de semana á promoción e difusión do viño do Ribeiro, coincidindo coa que sería a fin de semana de celebración da Feira do Viño do Ribeiro, que tivo que suspenderse como consecuencia do estado de alarma.

A organización pretende empregar as redes sociais coma punto de encontro das persoas que se darían cita na 57ª edición da Feira do Viño do Ribeiro que, de non ser pola emerxencia sanitaria do COVID-19 e o estado de alarma, estaría celebrándose esta mesma fin de semana.

Con esta actividade, tanto o Concello de Ribadavia como o CRDO Ribeiro, pretenden non deixar pasar unhas datas que son as tradicionais de celebración da Feira do Viño do Ribeiro para que, a través do cancelo #FVRVirtual, a cidadanía participe de xeito activo nas redes sociais celebrando o que sería unha edición virtual e dende a casa da Feira do Viño do Ribeiro.

Dentro do programa desta celebración virtual haberá actividades coma un brinde colectivo con viño do Ribeiro, catas comentadas por parte de adegas e colleiteiros da D.O. Ribeiro e o concurso “Brindis Virtual cun Viño do Ribeiro”, que contará con varios premios como noites de aloxamento, ceas para dúas persoas, lotes de viño, pases para as Termas de Prexigueiro e tickets de consumicións para cando se celebre a FVR.

Para participar, o público interesado só ten que enviar unha foto ao número de teléfono 698169550 facendo un brinde cun viño do Ribeiro, a cal será publicada no Facebook da Feira do Viño do Ribeiro. Obterán os premios os que máis “Gústame” consigan ata o domingo 10 de maio. O martes día 12 de maio publicaranse os/as gañadores. Os premios serán entregados o primeiro día da próxima edición da Feira do Viño do Ribeiro.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández sinalou que “a situación provocou que non poidamos celebrar a Feira do Viño do Ribeiro nas datas que estaban previstas, polo tanto, ante esta situación consideramos que podería ser boa idea levar a cabo unha celebración virtual da Feira do Viño do Ribeiro, creando un evento a través das RRSS no que se den cita todos os elementos que habitualmente participan nesta Feira, como son, as adegas, os colleiteiros, as institucións e o público en xeral, de tal xeito que, ao longo desta fin de semana, todos estes colectivos participemos da celebración dunha Feira do Viño diferente, como resultado da situación que nos está tocando vivir.”

César Fernández sinalou que “imoslle a pedir a todas as partes implicadas que nos acheguen recursos virtuais para ir publicando ao longo desta fin de semana baixo o cancelo #FVRVirtual, de tal xeito que poidamos encher as redes sociais de actividade relacionada coa promoción, exaltación e difusión do viño do Ribeiro e do potencial enoturístico e gastronómico da nosa comarca. Este ano, dadas as circunstancias cómpre tirar de inxenio e imaxinación para conseguir que, na fin de semana que tradicionalmente se celebra a Feira do Viño do Ribeiro, o tema de conversa e interacción nas redes sociais sexa tamén o noso viño, a nosa historia e a nosa comarca”. Poderase seguir a Feira do Viño do Ribeiro Virtual nas redes sociais (Facebook e Twitter) e toda a información estará tamén na web www.feiravinoribeiro.com