Miranda retoma en Cataluña a rolda de contactos presenciais coas entidades galegas no mundo

O secretario xeral da Emigración analizou con tódolos centros galegos nesta comunidade autónoma os seus proxectos para o próximo 2022 así como a promoción do Xacobeo

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo nas últimas horas en Barcelona unha reunión4 cos presidentes dos centros galegos nesta comunidade autónoma co obxectivo de retomar o contacto persoal e analizar as súas necesidades.
Deste xeito, Rodríguez Miranda retoma en Cataluña a rolda de contactos presenciais coas entidades galegas no mundo despois de máis dun ano de traballo telemático constante debido á situación da pandemia que obrigou ao peche de fronteiras e a manter o contacto a través de videoconferencias. Nos próximos meses, o secretario xeral continuará coa rolda de visitas tanto aos centros galegos de España como de Europa, agardando poder facer estes encontros tamén no continente americano en canto a situación sanitaria o vaia permitindo.
Na reunión celebrada en Cataluña estiveron presentes o presidentes de Xuntanza de Asociacións Galegas de Cataluña, da Unión de Asociacións Galegas de Catalunya, de Asociación Casas de Galicia de Barcelona, da Irmandade Galega de Rubí, do Centro Galego Nós Sabadell, de Airiños da Nosa Galicia, da Asociación Cultural de Amigos da Gaita Toxos e Xestas, da Irmandade a Nosa Galiza-Mollet del Vallés, da Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro-Cornellá, da Casa Galega de Hospitalet, do Centro Galego de Barcelona e da Asociación Cultural Galega Agarimos de Badalona.
Durante o encontro analizáronse as actividades que están xa a retomar tódolos centros de xeito presencial, así como os seus programas, obras de mellora e necesidades para o próximo ano. Tamén se puxeron sobre a mesa as iniciativas que xa se teñen programadas en Cataluña para a promoción e difusión do Xacobeo que se vivirá de xeito moi intenso ao longo do 2022.
Antonio Rodríguez Miranda recordou que a Xunta colabora coas entidades galegas asentadas no resto de España e no estranxeiro de maneira especial neste período de pandemia, na que tiveron que ter pechadas as súas instalacións e cesadas temporalmente as súas actividades. Para axudarlles neste complexo período a Secretaría Xeral da Emigración xa adxudicou case 3M€ para estas entidades.

AVANTAR ACTIVIDADES