Dende Espazo Común Punxín indican que “a realidade que estamos a vivir en Punxín cos cartos da Deputación non é nova, trátase dun continuo no tempo que se arrastra sesión tras sesión”. Ao respecto, apuntan que na Xunta de Goberno da institución provincial deste pasado luns “aprobáronse 35 subvencións por un importe global de 1.399.446,36 euros, repartidas entre 21 concellos da provincia. E outra vez, a mesma historia: Punxín non está”.
Así, subliñan que “nin unha soa das 35 axudas ten o noso nome. Nin para estradas, nin para saneamentos, nin para espazos públicos, nin para instalacións. Nada. E isto ocorre mentres concellos do noso mesmo tamaño, coma San Amaro, suman 130.000 euros nesta soa sesión para arranxar viais e construír vestiarios novos”.
Consideran que “este esquecemento non é un feito illado. É un problema transversal que se repite matemáticamente sesión tras sesión da Deputación, mentres outros concellos veciños —Boborás, Castrelo de Miño, Cartelle, Ribadavia— suman investimento tras investimento. Isto non é mala sorte nin cuestión de tamaño. É unha cuestión de xestión: as subvencións provinciais non caen do ceo, hai que solicitalas, tramitalas e executalas. E se en 21 concellos souberon facelo e no noso non, alguén terá que explicarnos por qué”.
Mentres tanto, dende Espazo Común Punxín subliñan que “os responsables municipais seguen a vanagloriarse nas redes dicindo que en Punxín temos ‘unha maleza fantástica’. Que lles pregunten a Boborás, a Castrelo, a San Amaro, canto lles vale a súa ‘maleza’ en euros. Para nós, mentres tanto: nin un euro” E tiran de ironía para comentar que “bueno, hai que dicir a verdade: chegaron 5 bancos para os 755 habitantes de Punxín (e díxonos un paxariño que seica o alcalde e o tenente alcalde andan a pelexar por quén conseguiu este grande logro)”.

















