O Psdeg-Psoe de Ourense conmemora o día internacional do migrante cun gran encontro dixital co deputado senegalés Luc André Diouf

A deputada Uxía Tizón lamentou que a dereita “branquee” o racismo e o secretario provincial de inmigración, Luís Gulín, formulou a necesidade de lanzar un órgano consultivo de encontro en Ourense

Diouf apostou por unha “xestión compartida” das migracións entre os países de orixe, tránsito e destino, ao tempo que amosou a súa total disposición para visitar Ourense e tecer lazos de colaboración

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas ourensáns conmemoraron este venres o Día Internacional do Migrante cun gran encontro dixital co deputado senegalés Luc André Diouf, quen avogou por unha “xestión compartida” das migracións entre os países de orixe, tránsito e destino, ao tempo que puxo en valor as actuacións dos distintos gobernos socialistas para lograr “unha migración legal e segura” fronte á crecente ameaza da dereita e da ultradereita.

Neste sentido, a deputada Uxía Tizón lamentou que a dereita “branquee” o racismo cun “discurso xenófobo de segregación” e manifestou a necesidade de impulsar un “pacto de migración e asilo” así como de promover “cambios na lei de estranxeiría”. Tizón resaltou tamén que cómpre traballar desde a “cooperación internacional”, a “protección dos dereitos” e o “establecemento de políticas públicas” para “dignificar” a situación dos migrantes e inculcar “valores que recoñezan a riqueza dunha sociedade intercultural”.

Pola súa banda, o deputado por Las Palmas e secretario executivo de Política de Refuxiados, Luc André Diouf, comezou o seu relato facendo referencia a Galicia como “terra de emigrantes” e amosou a súa completa disposición para visitar Ourense e tecer lazos de colaboración.

Na súa intervención, Diouf sinalou a especial importancia de recordar que os movementos migratorios son “estruturais e non conxunturais”, en relación á natureza permanente destes fenómenos. O deputado detallou que máis dun 40% das persoas africanas que foxen cara a Europa fano por “motivos económicos”, mentres que outros deciden migrar por causa do “cambio climático”, “as guerras” ou “a inestabilidade política no país”. A este respecto, o senegalés subliñou que Europa seguirá recibindo emigrantes de África “se non cambian as tornas en canto a equidade, dereitos humanos e liberdade no continente africano” e apostou por un enfoque de “xestión compartida” das migracións entre os países de orixe, tránsito e destino.

Despois de reivindicar a relevancia de garantir as dobres nacionalidades e de promover políticas circulares para que os migrantes poidan vir e traballar “por tempadas”, Diouf defendeu que “todas as melloras en política migratoria son obra do PSOE” e salientou o papel da emigración para facer fronte ao reto demográfico: “este é un continente vello e España é o segundo país máis vello do mundo despois do Xapón”. Unha situación que o senegalés ve “reequilibrada” grazas á poboación migrante, que lembrou que achega un 4% do PIB do país.

Na súa intervención, o secretario provincial de inmigración do PSdeG-PSOE, Luís Gulín, amosouse “orgulloso” de contar cun político de orixe migratoria que participa “activamente” nas políticas do país no que vive, e formulou a necesidade de lanzar un órgano consultivo de encontro en Ourense “onde estean representados todos os colectivos migratorios”, coa finalidade de promover a súa participación nos asuntos da cidade.

O deputado Alfonso Pérez Abellás quixo agradecerlle a Diouf a súa última intervención no Congreso, cando recibiu o aplauso da bancada socialista despois de censurar o discurso de VOX e se dirixiu á deputada Rocío de Meer para dicirlle que “os inmigrantes son persoas” e aclararlle que  “eu son tan deputado como vostede”.

O voceiro dos socialistas de Ourense, Rafa Villarino, pechou un encontro que forma parte dun ciclo de conversas dixitais, e que contou coa presenza doutros socialistas como a voceira da agrupación socialista na Coruña, Eva Martínez Acón, ou que fora secretario xeral, deputado por Ourense e senador, Antonio Rodríguez. Villarino rematou agradecendo a Diouf a súa intervención e desexando “que se faga realidade” a visita do deputado senegalés a Ourense.