A tradución á lingua galega de “La juventud de Pepa Loba”, do autor carballiñés Aurelio Miras Azor xa é unha realidade da man de Teófilo Edicions e o traballo de conversión lingüística realizado por Isabel Soto e Alejandro Tovar, coa colaboración do Concello do Carballiño. “A xuventude da Pepa Loba” será presentada hoxe, martes, ás 20,15 horas, nun acto que terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello coa participación do editor, José Luis Teófilo; o alcalde, Francisco Fumega, e o filólogo Gonzalo Navaza, membro da Real Academia Galega da Lingua, que estarán acompañados por Xan Miras Portugal, fillo do autor da novela orixinal.
O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, anticipou alguns detalles da nova publicación, lembrando que o tamén avogado Miras Azor foi nomeado ‘fillo predilecto’ do Carballiño e que a novela “dá a coñecer a historia da bandoleira Pepa Loba e o seu vencellamento coa nosa vila, unha figura que ademais do eido histórico tamén representa unha actitude de reivindicación feminista”.
José Luis Teófilo referiuse a que a novela orixinal fora publicada en castelán pola editorial do Faro de Vigo no ano 1968, e agora, “por desexo do alcalde carballiñés, podemos render unha merecida homenaxe a Aurelio Miras Azor e incorporar a súa obra á literatura galega”. Ademais de agradecer a laboura de Soto e Tovar na tradución, Teófilo resaltou o traballo de Quintana Martel na elaboración das ilustracións da capa e da contracapa de “A xuventude da Pepa Loba”.
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega agradece a implicación da editorial e convidou a toda a veciñanza a asistir hoxe á presentación oficial do libro, que terá lugar dende as 20,15 horas na Casa do Concello.