A veciñanza da Limia e de Ourense mobilízase en Xinzo contra a ameaza dos macroeólicos

Mañá domingo, en Xinzo de Limia, terá lugar ás 12.00 horas a concentración veciñal, convocada por 22 colectivos e plataformas da provincia, contra a ameaza de proxectos como o denominado Mistral-Tramontana, sobre a serra do Larouco, en Baltar, ou o de Lamas II, ampliación fraudulenta do proxecto Lamas de Feás, que afecta Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos.

Veciñas e comuneiros das comarcas da Limia, desde Baltar e A Boullosa, até Bande ou Rebordechao, pasando por Covas e Feás, por Reboreda e Paradela de Abeleda, Ordes e Congostro, están mobilizadas contra os plans de Iberdrola e Greenalia de instalar centrais macroeólicas e liñas de alta tensión en Xinzo, Rairiz, Vilar de Barrio, Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Bande, Muíños, que ameazan con causar impactos irreversíbeis sobre a paisaxe, as augas, a fauna e a flora, o patrimonio e a saúde das persoas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Mais non só na Limia, todo o Macizo Central, as montañas de Trevinca, a serra do Laboreiro, as da Ribeira Sacra, están ameazadas.

E as multinacionais non se deteñen nin diante das Reservas da Biosfera, da Rede Natura, ou das Zonas de Protección de Aves ou da Paisaxe, e rodeas os Parques Naturais, desde o Xurés até O Invernadoiro ou a Enciña con máquinas de 200 metros de altura impoñendo barreiras artificiais á conectividade que necesitan os animais nos seus espazos. Nin se deteñen diante dos graves impactos contra os vales fluviais que nutren todas as aldeas e vilas de auga. Nin tampouco diante das graves afeccións á saúde das persoas que habitan aldeas próximas aos polígonos eólicos e que están condenadas ao abandono.

Por iso colectivos e plataformas concentrarémonos ESTE DOMINGO, ÁS 12 DA MAÑÁ, en XINZO DE LIMIA, nunha protesta nacional, porque non queremos abandonar o rural e temos alternativas.

Durante o acto instalarase unha mesa de recollida de sinaturas contra os proxectos de macrocentrais eólicas que ameazan ás comarcas limiás. O último deles: a ampliación denominada Lamas II entre Aguioncha e Pena Loba en Calvos de Randín e Os Blancos.