O BNG demanda a mellora do transporte público para as comarcas de Celanova e Baixa Limia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Xosé Manuel Puga “Para moitas persoas que viven nestas comarcas é fundamental un transporte público axeitado, que permita conectalas coa capitalidade e así ter acceso a servizos como o tren para ir ata outras vilas e cidades, para poder estudar ou asistir a consultas médicas no CHUO”

Ourense, 12 de decembro de 2024.  O grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, ven de presentar unha moción para o vindeiro pleno provincial da Deputación de Ourense a respecto da nefasta comunicación por transporte público das comarcas de Celanova e da Baixa Lima.

Desde a organización nacionalista demandase o apoio da corporación provincial para acadar da Xunta de Galiza a modificación da situación do transporte público para estas comarcas co obxectivo de acadar o aumentos das frecuencias diarias entre Ourense, Celanova e Bande e adaptación dos horarios ás necesidades dos usuarios, xa que os actuais non permiten usar o transporte público no día a día.

Tamén, sinalaba o deputado provincial do BNG Xosé Manuel Puga, esiximos da Xunta de Galiza crear reforzos de frecuencias os venres e domingos pola tarde, no dobre sentido Bande-Ourense, ao se producir nos últimos anos un aumento de demanda de estudantes e traballadores que se desprazan dende Ourense na fin de semana. Sendo necesaria tamén, continúa afirmando o deputado nacionalista, a creación de servizos os días festivos, xa que na actualidade non existe ningún servizo

Para os nacionalistas tamén é preciso a mellora das redes intermunicipais e as súas conexións coas cabeceiras de comarca, especialmente en época non escolar que permitan á poboación facer uso doutras liñas principais cara Ourense.

Na actualidade, de luns a venres, a conexión dende Bande e Ourense só conta con 2 frecuencias, ás 7:45 h e as 16:10 h; igualmente no sentido inverso, a liña de Ourense – Bande só ten servizo ás 13:00 h e as 20:00 h. As fins de semana, existen similares frecuencias, pero os días festivos, como o próximo mércores, 25 de decembro, non haberá ningún bus entre estas comarcas, por non falar das conexións ata concellos como Lobios ou Entrimo, que a maiores de ter que facer transbordo en Bande, quedan totalmente dependentes da rede escolar varios dias á semana. Non mellora a situación entre Ourense e Celanova, xa que a pesar de ter unha frecuencia a maiores, esta é ás 13:50 h, é dicir, dous servizos entre as 13:00 h e 14:00 h e outro ás 20:00 h, non dando cobertura a outras franxas do día.  O mesmo pasa no sentido inverso, habendo dous servizos entre as 8:00 h e as 9:30 h e unicamente outro ás 16:30 h, non permitindo volver de Celanova a Ourense a partir desta hora.

As liñas de transporte público concesionadas pola Xunta de Galiza en absoluto solucionan os problemas de comunicación viaria, polo que existe unha importante preocupación veciñal, cada vez máis grande, ao respecto deste servizo de conexión entre concellos da Baixa Limia-Celanova e Ourense.

 Aumentar a frecuencia dos horarios melloraría a vida dunha boa parte da veciñanza, sinalaron os nacionalistas. Ampliar as liñas e frecuencias, en horarios acaídos, daríalle a posibilidade a moita xente de residir na comarca, aínda traballando fora. “A Xunta ten a posibilidade de modificar os horarios e as frecuencias para dotar a estas comarcas dun dos servizos fundamentais que precisa o rural, afirmaba Puga, e ese servizo fundamental para o rural é transporte público co que garantir unha mobilidade axeitada para a veciñanza “