Unha exposición conmemora o 25º aniversario do Festival de Cine de Ourense

Visita Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) a Exposición “Ourense de Cine“ acompañado polo curardor e deseñador da Expo Xosé Lois Vázquez “Che”, Miguel Anxo Fernández Fernández (Director Artístico do OUFF) e Aurelio Gómez Villar (Asesor de Cultura da Deputación Ourense).

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe a exposición que se está a ultimar no centro cultural “Marcos Valcárcel”, conmemorativa dos 25 anos do Festival de Cine de Ourense (OUFF). “Trátase –dixo- do certame cinematográfico máis antigo, de carácter internacional e competitivo, que se celebra en Galicia”, salientando “o valor cultural que supón este percorrido pola historia destes primeiros 25 anos do Festival de Cine de Ourense”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

A exposición, que poderá visitarse desde mañá xoves, ás 11.00 horas, e ata o vindeiro 25 de outubro, da que é curador Xosé Lois Vázquez “Che”, amosa un percorrido polas producións gráficas e fondos documentais do festival nun marco expositivo que recrea o mundo do cinema. Eloy Lozano, Chano Piñeiro, Carlos Velo, José Luis Cuerda…, nomes destacados da historia do cine en España que teñen un vinculo especial co OUFF nas súas diversas etapas e un compromiso co labor de contar historias na gran pantalla.

A exposición é unha homenaxe a dous directores de forma especial: Eloy Lozano, creador da fórmula OFF na que se acentuaba o cinema independente e que dirixiu a primeira edición, e José Luis Cuerda, falecido este ano, que namorou de Ourense e teceu nesta terra unha nova vida e un novo proxecto: a súa adega Sanclodio, no val do Avia.

Visita Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) a Exposición “Ourense de Cine“ acompañado polo curardor e deseñador da Expo Xosé Lois Vázquez “Che”, Miguel Anxo Fernández Fernández (Director Artístico do OUFF) e Aurelio Gómez Villar (Asesor de Cultura da Deputación Ourense).

Volver a vista atrás permite nesta mostra facer un recorrido por 25 anos de compromiso coa cultura e o audiovisual galego do OUFF, desde que en 1996 se promoveu o Festival de Cine Independente de Ourense baixo a dirección de Eloy Lozano. O impulso inicial debeuse nas primeiras edicións ao Concello de Ourense, que en 2018 cedeu a súa marca OUFF e a súa organización á Deputación de Ourense, que ao tempo asinou un convenio coa Fundación Carlos Velo.

O OUFF é o certame máis antigo de carácter internacional e competitivo que se celebra en Galicia, punto de encontro dos afeccionados e profesionais do medio cinematográfico, destacando nesta edición traballos recibidos desde máis de 140 países dos cinco continentes.

Nomes propios como o José Luis Cuerda, Alejandro Amenábar, Elías Querejeta, Fernando León, Pedro Olea, Assumpta Serna, Imanol Arias, Concha Velasco, Luís García Berlanga, Montxo Armendariz, Juan Diego, Álex de la Iglesia, Diego Galán, Pilar Bardem, Pepe Sancho, Lola Herrera, Alfredo Landa, Lola Dueñas, Isabel Coixet, Carlos Bardem, Javier Bardem ou Enrique Urbizu pasaron por Ourense nestes anos dando apoio á industria cinematográfica de Galicia e apostando polo festival como punto de encontro do sector profesional, lugar de debate e escaparate para novos proxectos.