O Psdeg reclama a reapertura urxente da oficina de rehabilitación urbana, vivenda e peris e pide a creación dun punto de información municipal para o bono alugueiro

IES CHAMOSO LAMAS

Os socialistas levarán unha moción de consenso ao pleno de agosto na que tamén demandarán que o Concello e a Xunta de Galicia reactiven a oficina do Ecobarrio da Ponte, logo de tres anos pechada

Denuncian que Ourense é a única cidade galega que actualmente non conta cunha oficina de rehabilitación urbana, o cal contravén a Lei 1/2019 do 22 de abril, na que se establece a súa obrigatoriedade

HIPER MASIDE

 O PSdeG-PSOE defenderá unha iniciativa en materia de urbanismo no pleno municipal de agosto, na que o grupo solicitará a reapertura urxente da Oficina de Rehabilitación Urbana, Vivenda e PERIs do Concello de Ourense. Reivindican que Ourense é a única das grandes urbes galegas que non conta con esta dotación, logo de que o alcalde Jácome decidise desmantelala o pasado mes de febreiro, pasando a integrarse nas dependencias da Concellaría de Urbanismo, e prescindindo da súa fundamental función de atención ao público.

Ademais, dende o grupo socialista aseguran que o peche deste equipamento contravén o establecido na Lei 1/2019 do 22 de abril, de rehabilitación, rexeneración e rehabilitación urbana de Galicia no seu artigo 71, polo que demandarán a súa reactivación na rúa Primavera, así como reforzo do persoal necesario para a xestión e tramitación urbanística e das subvencións vencelladas á renovación urbana en Ourense.

“Ourense é a única das grandes cidades de Galicia que non conta cunha oficina de rehabilitación urbana e iso incumpre a propia ‘lei da triple R’ da Xunta de Galicia. Ademais, estamos á cola en acadar recursos para a rehabilitación urbana, polo que o noso grupo municipal pedirá de novo que a oficina do PERIs volva ao seu lugar, á rúa Primavera, e tamén que o Concello se adhira ao programa de apoio técnico das oficinas de rehabilitación de Galicia, que pensamos que é un elemento fundamental para o futuro desta cidade”, afondou a concelleira Natalia González.

No texto da iniciativa, os e as socialistas subliñan que a lei establece, no seu punto 1, que cada Concello deberá ter, adscrito á administración municipal, “un único centro de rexeneración urbana de interese autonómico, que exercerá as súas funcións na totalidade dos ámbitos do municipio con áreas de rexeneración urbana de interese autonómico declaradas ou que se declaren”, algo que actualmente está a ser incumprido.

Así as cousas, os  e as socialistas censuran a decisión arbitraria do alcalde de pechar esta oficina “contra o criterio do resto da corporación municipal, que nas propias reunións da comisión do PEPOU esixiu, de maneira unánime, a permanencia deste equipamento estratéxico na rúa Primavera”, un aspecto especialmente crucial nun momento no que está pendente a aprobación do Plan Especial de Protección do Sitio Histórico da Cidade de Ourense (PEP-Ourense), a futura adhesión do Plan Rexurbe ou a xestión dos Fondos Next Generation en materia de vivenda, “fundamentais para resucitar o casco histórico, espoliado e abandonado”.

Neste sentido, e paralelamente, o grupo socialista demanda que o Concello de Ourense, como institución máis próxima á cidadanía, habilite un punto de información á xente nova que queira acollerse ao Bono Alugueiro Mocidade, unha aposta firme do Goberno socialista para que a vivenda “sexa un verdadeiro dereito para os mozos e mozas do país”.

“A Xunta de Galicia non está a facer nada para informar aos mozos e mozas dunha axuda de ata 250 euros para o seu alugueiro e emancipación, por iso tamén requirimos que o Concello de Ourense estableza un punto de información para mozos e mozas que queiran acollerse a este bono, cuxa solicitude estará vixente ata finais de outubro de 2022”, sinalou González.

Rescatar a Oficina do Ecobarrio

Por outra banda, dende o grupo socialista demandan que o Goberno municipal, en colaboración coa Xunta de Galicia, poña en marcha un punto de información e asesoramento en materia de axudas de aforro e eficiencia enerxética na oficina do Ecobarrio da Ponte, actualmente pechada e inutilizada.

“Moitas persoas descoñecen estas axudas e non saben onde dirixirse para acceder a elas. Ao mesmo tempo, temos unha oficina do Ecobarrio que leva pechada tres anos, que a Xunta de Galicia prometeu que sería un eixo fundamental para información e asesoramento nesta materia” lembrou a concelleira socialista. “Nós pedimos que o Concello a dote de persoal e que a empregue para informar de todas as axudas en vigor en materia de aforro e eficiencia enerxética, preparando a nosa cidade para o reto da axenda 2030”.

Dende o grupo socialista subliñan a necesidade de unirse xa ao firme compromiso do Goberno de España coa vivenda digna e asequible, que este ano conta cunha partida consignada de 3 290 millóns de euros nos Orzamentos Xerais, “a máis cuantiosa da historia do país neste ámbito”, destacan.