Gabriel Alén sinala ao sector do viño en Galicia como un sector estratéxico que exerce un efecto tractor na economía do rural

Na clausura da 9ª edición de Ourense Vinis Terrae

Publicidade
  • O delegado territorial puxo en valor liñas de axuda e programas de apoio ao sector como o Préstamo vendima ou a entrada dos viños galegos con denominación de orixe na canle da alimentación ao abeiro da rede Mercaproximidade
  • Gabriel Alén  subliñou que o sector do viño en Galicia está conformado por máis de 10.000 viticultores e máis de 450 adegas, que achegan un valor económico superior aos 230 millóns de euros anuais
  • A novena edición da Ourense Vinis Terrae contou coa participación de importadores e compradores de 25 países e participaron 69 bodegas

.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, louvou a calidade dos viños de Galicia, “equiparable á de calquera das zonas de produción de calidade do mundo, polo que debemos seguir incidindo na aposta da denominación polas variedades autóctonas galegas para elaborar caldos de gran valor como unha forma de desenvolvemento sustentable e de recuperación do medio rural”.

Para o delegado territorial, o sector do viño en Galicia é un sector estratéxico que ademais do seu  efecto tractor na economía do rural, contribúe a proxectar a mellor imaxe de Galicia no exterior e engade a importancia do enoturismo e o turismo gastronómico como elementos diferenciadores da oferta turística de Galicia e á súa desestacionalización.

Gabriel Alén subliñou  que dende a Xunta, “estamos atentos ás particularidades específicas de cada denominación de orixe e indicación xeográfica protexida, pois -continuou  o delegado-  o sector do viño en Galicia está conformado por máis de 10.000 viticultores e máis de 450 adegas, que achegan un valor económico superior aos 230 millóns de euros anuais”.

Os datos de participación desta novena edición converteron a Ourense  Vinis Terrae nunha ferramenta de internacionalización ao servizo das pequenas e medianas empresas galegas, facilitando a exportación a mercados aos que resultaría máis complicado acceder polas canles habituais.

O delegado territorial puxo en valor liñas de axuda e programas de apoio ao sector como o Préstamo vendima ou a entrada dos viños galegos con denominación de orixe na canle da alimentación ao abeiro da rede Mercaproximidade, debido ao peche da hostalaría pola pandemia da covid-19, reforzou o seu potencial de comercialización. Unha afirmación que vén apoiada polo aumento en máis dun 20% no consumo de viños das DOP galegas nesta canle e que as súas vendas subiron en case todos os territorios do Estado.

A novena edición da Ourense Vinis Terrae contou coa participación de importadores e compradores de 25 países e participaron 69 bodegas adscritas ás cinco Denominacións de Orixe presentes, o Consello Regulador de Licores Augardentes de Galicia e ás Indicacións Xeográficas Protexidas de Viños de Galicia como Val do Miño, Barbanza e Iria, e Ribeiras do Morrazo.