A alcaldesa da Bola agocha agora un expediente urbanístico e obriga ao BNG a pagar para obtelo

  • Teresa Barge (PP) negou á representación nacionalista a copia de documentación municipal que insta o derrubo dunha obra en Podentes, e adiou para despois do pleno a entrega do informe polo que o BNG tivo que pagar.
  • No caso do falso policía, a Alcaldesa mantén que o informe xurídico existe, que está no Xulgado, que o BNG non pode ter acceso o documento e di agora que foi elaborado pola Secretaría.

Teresa Barje (PP) continúa a gobernar o Concello de A Bola obstaculizando a cada paso o labor de oposición e control das dúas concelleiras nacionalistas. Despois de levar varios meses negándose a facilitar ao BNG a documentación toda do caso do falso policía local –a última vez ditando unha resolución en base a leis xa derrogadas, e insistindo na negativa unha vez o BNG sinalou o gravísimo erro­–, a Alcaldesa resístese agora a facilitar un expediente de reposición da legalidade urbanística de marzo pasado que afecta ás obras realizadas nunha propiedade particular en Podentes e do que o BNG solicitou copia.

Barje primeiro negou o acceso á información aducindo que as nacionalistas, malia a súa representación na corporación municipal, debían abonar unha taxa de 22,60 euros. Despois convocou o pleno a toda présa puidese utilizar a vía ordinaria para levar o asunto o pleno. E finalmente adiou a entrega do documento para datas posteriores á sesión que tivo lugar este martes, cando a portavoz nacionalista, Vanessa García, ingresou onte (luns) a cantidade correspondente para obter o expediente.

AVANTAR ACTIVIDADES

QUE OCULTA AGOCHANDO O EXPEDIENTE? O 4 de xaneiro deste ano, Teresa Barje solicitou un informe ao arquitecto municipal en relación a unhas obras nunhas parcelas particulares de Podentes que están incluídas na contorna de protección da Igrexia e do Cemiterio da Santa María. Cinco meses e medio despois, a alcaldesa non foi quen de explicar no pleno deste martes a razón desa solicitude. “Había informes técnicos e denuncia de parte”, dixo.

A continuación optou polas respostas evasivas.

“Que concluía o informe do arquitecto a respecto das obras nas tres parcelas avaliadas?”, preguntou a concelleira nacionalista. Teresa Barje contestou: “O expediente está en trámite e está en Patrimonio neste momento”.

Despois dixo que obriga ao BNG a pagar polo acceso ao expediente. “As copias teñen un prezo segundo a ordenanza municipal”, dixo. Vanessa García expresou a preocupación do BNG a respecto da actitude da alcaldesa e preguntou se “a partir de agora esta vai ser a súa forma de relacionarse co noso grupo?”. “Pediu copias, ten que pagalas. É o que procede coa ordenanza municipal en vigor e o programa de eficiencia enerxética”, dixo a alcaldesa da Bola.

O expediente, solicitado o día 31 de maio pasado, consta de 9 páxinas.

Teresa Barje tampouco contestou as seguintes interpelacións do BNG.

“O 2 de marzo deste ano, vostede incoou un expediente de reposición de legalidade; é dicir, abriu un expediente para pedir que as obras ou edificaciones se adapten á legalidade ou, en caso contrario, se proceda á súa demolición. Pode dicirnos se o propietario interpelado presentou a solicitude de licencia sobre as parcelas afectadas, e se esa solicitude está xa na Comisión Territorial de Patrimonio?”, solicitou Vanessa García.

“O expediente está en trámite. Respecte vostede a privacidade do resto dos veciños”, dixo Barje.

“No caso da outra parcela afectada, coñece a Alcaldesa se xa se procedeu á demolición das obras dado que estas se consideraban “non legalizábeis”?”, insistiu a concelleira do BNG.

Tampouco contestou Barje á cuestión.

O CASO DO FALSO POLICÍA QUE A ALCADESA NON SABE COMO PECHAR. “Vostede negounos dúas veces o acceso o informe xurídico que vostede, neste mesmo salón de plenos o pasado 30 de abril, dixo que estaba a disposición dos concelleiros. Realmente existe ese informe?”, preguntou a portavoz do BNG, Vanessa García, no pleno desta mañá.

“Existe, realmente, e está no Xulgado”, respondeu Teresa Barje, que non explicou porque se resiste a mostralo ao grupo nacionalista, a quen llo oculta de todas as maneiras posíbeis. “Está sub íudice, iso é o que di a Secretaría, cuestión técnica”, rematou a alcaldesa.

Meses despois de ter feito público que existía dito informe, sen mostralo e sen ter explicado a quen e cando llo encargou, Teresa Barje dixo esta mañá que o informe fíxoo “a Secretaria, como corresponde en dereito”.

A representante do BNG subliñou a continuación que presentará queixa diante da Valedora do Pobo pola continuada obstaculización por parte de Barje do labor do grupo nacionalista.