Moción do Bng no Carballiño para eliminar o imposto especial de electricidade e a rebaixa do IVE ao 4% no recibo da luz

Sofía García traslada ao Pleno do Carballiño a petición para eliminar o imposto especial de electricidade e a rebaixa do IVE ao 4% no recibo da luz por ser un ben de primeira necesidade.

Para Sofía García, “A situación que están a pasar as pequenas e medianas empresas e o conxunto de galegos e galegas é insoportable”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O BNG trasladará ao Pleno unha moción para reclamarlle ao Goberno do Estado a eliminación do imposto especial da electricidade e a rebaixa do IVE do 21% ao 4% na factura da luz por ser un ben de primeira necesidade. Reclamará tamén un cambio nas políticas para que beneficien os territorios de produción de enerxía eléctrica compensando o forte impacto ambiental e social derivado da súa produción a través dun abaratamento dos prezos.

“Desde o BNG consideramos que a norma que entrou en vigor o 1 de xuño sobre a tarifa da luz xera un impacto negativo nos consumidores e consumidoras, sobre todo, tendo en conta que lle afecta a sectores da poboación e negocios que xa están sufrindo as consecuencias derivadas do forte impacto económico das restricións impostas pola loita contra a covid-19”, explicou a concelleira Sofía García.

Esta medida, afecta principalmente no consumo doméstico e a aquelas persoas consumidoras adheridas xa con anterioridade ao sistema de discriminación horaria. Na Galiza hai máis de medio millón de fogares adheridos a esta modalidade que verán como a súa factura experimenta un aumento que pode chegar a superar o 30%.

En consumidores/as cun perfil de consumo como o da hostalería, xa duramente golpeado pola pandemia, e nas PEMES, sufrirán graves consecuencias, “pois as súas actividades desenvólvense necesariamente durante as horas de maior custo da enerxía”. Os cambios de tarifa aplicados afectan principalmente a fogares, hostalaría e pequenas empresas. “Todo isto nunha Galiza que exporta electricidade”, engadiu.

Deste xeito, o BNG trasladará unha moción ao Pleno para transmitirlle ao Goberno estatal o rexeitamento do Concello do Carballiño á súa política enerxética por contribuír ao incremento da factura eléctrica dunha parte importante das e dos consumidores domésticos e de sectores vulnerables, singularmente, cos cambios aplicados a partir do 1 de xuño de 2021.