PP de Ourense: “Feijóo vai ter todo o noso apoio para seguir á fronte do partido máis importante de Galicia”

·      Coa presenza de Alberto Núñez Feijóo como candidato á presidencia do PPdeG no 17º Congreso galego, Baltar afirmou que con este novo paso adiante “un ourensán dos Peares referenda así a xestión que desde o 15 de xaneiro de 2006 permitiulle conseguir durante catro eleccións consecutivas que as galegas e os galegos lle deran sempre a maioría absoluta”

O presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, comprometeu hoxe o apoio da formación provincial para que Feijóo “siga á fronte do partido máis importante de Galicia, ademais de referente da política nacional”. O presidente dos populares ourensáns manifestouse neste sentido durante a súa intervención na Xunta Directiva Provincial celebrada esta tarde, na que tamén participou o candidato á presidencia do PPdeG no congreso de xullo, Alberto Núñez Feijóo.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Para nós é unha honra que un ourensán dos Peares inicie aquí a súa xira por Galicia para pedir o apoio á súa candidatura, referendando así a xestión que desde o 15 de xaneiro de 2006 permitiulle conseguir durante catro eleccións consecutivas que as galegas e os galegos lle deran sempre a maioría absoluta”.

Para Manuel Baltar, “equipo, moderación e equilibrio seguirán sendo as principais características do seu labor ao servizo dunha formación política que reúne as características fundamentais dun proxecto político crible: o centrismo, o reformismo e o galeguismo, que como dicimos en Ourense é berce da Xeración Nós, e aos que se engaden valores como o constitucional, europeísta e municipalista”.

Non obstante, subliñou, para conseguir estes éxitos “primeiro é o partido e despois o goberno, porque sen partidos fortes non se pode gobernar, por iso no Partido Popular de Ourense respondemos sempre pensando primeiro no territorio, que defendemos por riba de calquera outro interese, sexa tratándose de Ourense como de Galicia”.

Os populares están agora centrados no 17º Congreso galego, sinalou Baltar, pero coa vista posta nas eleccións locais do 28 de maio de 2023, de onde sairán 94 gobernos en 92 concellos, a entidade local menor de Berán e a Deputación provincial, “cun partido gañador e líder que ten como marca diferenciadora a estabilidade e a unidade, sempre ao servizo de Ourense, e aportando traballo, experiencia e ilusión máis que acreditadas”.