O eurodeputado Nicolás González Casares leva á Comisión Europea a denegación das axudas para a agricultura ecolóxica en Galicia

Máis da metade dos produtores ecolóxicos galegos quedan fóra das subvencións da PAC pola falta de cofinanciamento da Xunta de Galicia

Bruxelas, 18 de xaneiro de 2023

AVANTAR ACTIVIDADES

Máis da metade (55%) das explotacións de agricultura ecolóxica galegas quedan fóra das axudas ao desenvolvemento rural da PAC (Política Agraria Común), a pesar de cumprir cos requisitos esixidos e ter presentado as solicitudes en tempo e forma. Así o denuncia a Plataforma de produtores ecolóxicos, composta por 180 agricultores e gandeiros inscritos no Craega (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia).

O colectivo, constituído o pasado mes de decembro, sinala á deficiente achega de fondos por parte da Xunta de Galicia a esta partida. A PAC, a política máis antiga da UE, consta de tres ámbitos de actuación principais: axudas directas e medidas de mercado (os fondos son exclusivamente comunitarios) e axudas ao desenvolvemento rural (son cofinanciadas polos diferentes estados e rexións). A Plataforma critica que a Xunta destinara un monto moi inferior ao necesario para estas axudas, provocando que non cheguen a todo o sector. As subvencións están destinadas tanto a explotacións que xa traballan en ecolóxico como aquelas que se atopan nunha fase de conversión. Respecto a estas últimas, o 86 % das solicitudes para a conversión a agricultura ecolóxica e o 83 % para a conversión a gandería ecolóxica foron denegadas.

Ante esta situación, que pode obrigar aos produtores a pechar as súas explotacións ou a frear a súa conversión a ecolóxico, o grupo socialista, na voz do eurodeputado galego Nicolás González Casares dirixiuse á Comisión Europea. O europarlamentario preguntou se é posible, tal e como lle prometeu a Xunta aos agricultores, reprogramar os fondos do Plan de Desenvolvemento Rural para garantir un orzamento suficiente este o os catro vindeiros anos, unha medida que alberga moitas dúbidas, pois entra en vigor unha nova PAC para o período 2023-2027. Casares tamén quere saber se o Goberno galego está a vulnerar o dereito dos agricultores ecolóxicos a recibir axudas comunitarias ao non cumprir coa súa parte do cofinanciamento.

Esta falta de compromiso da Xunta de Galicia co sector pon en risco o cumprimento dos obxectivos de produción ecolóxica (25 % da UE en 2030) nunha autonomía que só achega o 1,15 % á porcentaxe nacional e na que menos do 5 % da superficie agraria útil se dedica a ecolóxico, fronte a máis do 10 % de media en España.